VERBAS

Por Espiñeira

ABUR

Imos comezar pola despedida: abur! Hoxe a forma italiana chao gañoulle terreo a esta fórmula de despedida tan nosa, abur. En realidade, copiamos a forma ciao, que en italiano serve tanto para a despedida, ‘abur’, como para o saúdo de encontro, ‘ola’. Moitas veces adúcense razóns de economía lingüística para xustificar substitucións léxicas, pero dende logo non ha ser este o caso no que tales razóns sirvan para explicar o desprazamento da forma propia. Abur é unha expresión económica e ademais moi expresiva, ben apta para tempos onde tamén o saúdo se fai a présa. Dis abur e liscas.

Polo xeral, as expresións galegas son comparativamente reducidas na súa expresión formal e proba diso é o uso delas que a xente máis nova adoita facer nas mensaxes cifradas tipo sms, whatsapp e noutras telecomunicacións vindeiras .... Nestes casos non sei se poderiamos dicir que son económicas, pero si que son breves.

As fórmula de saúdo constitúen, en moitas ocasións, a única vía de comunicación interpersoal e serven para identificaren e transmitiren valores tanto persoais como sociais, culturais e relixiosos. Hai non moito tempo, aínda polos anos setenta do século pasado, era usual o “Dios guarde a usted muchos años”. Daquela ampulosa e reverencial forma de saúdo chegouse ao emprego actual do informal “que hai?” ou mesmo, máis simple, “que”?. Deuse pouco menos que unha revolucionaria mudanza semiótica e cultural que evidencia a superación de referentes relixiosos e xerárquicos, alén doutros significados. Mesmo o tempo que se adoita dedicar ao saúdo inicial denota diferencias na órbita cultural. Por exemplo, o saúdo árabe Assalaam alaikum ‘a paz sexa contigo’ ao que se debe responder cun Waalaikum assalaam ‘e tamén contigo’ serve polo xeral para encetar un diálogo no que tras a repetición das fórmulas iniciais de achegamento segue un longo intercambio de cumpridos e preguntas sobre a situación persoal e familiar e que abrangue información sobre a saúde e o benestar de todos os parentes e amigos. E o curioso é que os interlocutores agardan cumpridas respostas ás preguntas, respostas que á vez provocan novas preguntas, e máis repreguntas, e outras máis nun bucle sen fin. Máis alá dunha mera comunicación lingüística, fóra da fórmula de tratamento escolleita, efectívase unha relación comunicativa cunha fonda e peculiar raíz nunha cultura ben diferente á nosa. Din nalgunhas tribos de África que nós temos os reloxos, eles teñen o tempo.

Pola contra, ninguén entre nós nin agarda nin desexa resposta a un saúdo de cumprimento tipo “Que tal?”. O mesmo ocorre na cultura anglosaxona co “How are you?” ‘Como estás/está?’. E menos aínda cabe agardar se estas aparentes preguntas formais, sen pretensión de resposta, se fan dunha maneira sincopada, por medio de fórmulas minimizadas tipo “Que?” ou “Hi?”. Dende logo, entre nós, se alguén quere de veras leria, o mellor é que non saúde e que entre directamente; por exemplo: “véxote algo canso”, “e logo, que andarás a facer?” ou “onde te metes, que non sei nada da túa vida?”

Por que deixarmos desaparecer, logo, o noso abur, tan significativo e tan propio como é? A súa orixe debe ser común á do éuscaro agur, baseada seguramente no latín augurium, que significa ‘predición ou presaxio que facían os augures, sacerdotes romanos, por medio da observación do canto e do voo dos paxaros. Deste augurium deriva tamén o noso agoiro ‘presaxio, polo xeral negativo’, como na expresión “paxaro de mal agoiro”; nunca se di “paxaro de bo agoiro”. Curiosamente a forma abur tamén existiu no castelán ata entrado o século XVIII. Nós mantémola aínda hoxe. Mantémola nós? Se a deixamos de usar perderase, e non perderemos nós sós, perderán todos. Dende logo, non ía ser por economía lingüística, máis ben había ser por falta de ecoloxía lingüística. Abur!

Abur

Abur, dinlle cada Entroido os pontevedreses a Ravachol


VERBA SEGUINTE: AGRE... // Todas as verbas


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com