Rochi Nóvoa
Foto de Rochi Nóvoa, escritora galega, amiga de ogalego.eu

ogalego.eu - ogalego.gal son

Vitoria Ogando Valcárcel//Anxo González Guerra catedráticos de galego xubilados

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. PAU


Proba de Acceso á Universidade: 2ª Proposta da Comisión para 2025


O exame consta de 4 preguntas de resposta obrigatoria, de 2,5 puntos cada unha, das que a cuarta ten posibilidade de elección entre dous apartados. En todas as preguntas a coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica dos textos elaborados, así como a súa presentación, terán unha valoración de 0,5 puntos.


TEXTO

Coma todos os anos, o pasado 17 de xuño a ONU conmemorou os esforzos que se desenvolven en todo o mundo para frear o avance dos desertos e da seca. Fíxoo a través do World Day to Combat Desertification and Drought, e foi esta denominación a que nos deu o tema para o apuntamento de hoxe: se queremos citala en galego debemos usar desertización, desertificación ou calquera das dúas?

Para atopar unha resposta temos que rastrexar uns cantos dicionarios. O Dicionario da RAG e algún outro só recollen desertizar e/ou desertización, sen facer referencia ningunha a "desertificación", nin para indicar que significan o mesmo nin para desaconsellar o seu uso. Temos que ir a TERGAL para atopar -tamén co aval da RAG- as dúas formas, cada unha delas cun significado particular. Mentres que a desertización se define como o proceso de conversión en deserto provocado por un 'cambio progresivo do clima', a desertificación débese á 'destrución da vexetación e do solo producida pola acción do home'.

Parece logo, que a recomendación para o galego é a de diferenciar os dous substantivos, segundo a man humana teña ou non un papel directo na formación do deserto.

Esta diferenciación recoméndase tamén en fontes portuguesas ou catalás, pero outras linguas veciñas optan por ignorala, de xeito máis ou menos explícito. É explícito o castelán, pois o Diccionario da RAE trata desertizar e desertificar como sinónimos; e non o é tanto o inglés, lingua en que se discute a pertinencia da diferenciación, aínda que na práctica desertification emprégase maioritariamente para nomear calquera proceso de conversión en deserto, con independencia do axente causante.

En calquera caso, e con independencia do que se faga noutras linguas, en galego é pertinente manter a diferenciación entre desertización e desertificación, así que o que a ONU celebrou o pasado 17 de xuño foi o Día Mundial de Loita contra a Desertificación e a Seca.

Rodríguez, X. (2022) “Desertización ou desertificación: o deserto faise ou facémolo?” Un idioma preciso. GCiencia

PREGUNTA 1. COMUNICACIÓN. (2+0,5=2,5 puntos)
Lea atentamente o texto anterior e responda estes dous apartados:

1.1. Indique, coas súas palabras, a diferenza no uso dos termos “desertización” e “desertificación” no galego, o castelán e o inglés, e a proposta final do autor do texto para a lingua galega. Extensión aproximada: 60 palabras (entre 7 e 8 liñas, cunha caligrafía de 8 palabras por liña). (1 punto)

1.2.. Indique a estrutura interna do texto. Resuma brevemente o contido de cada parte e as liñas do texto coas que se corresponde. Extensión aproximada: 60 palabras (entre 7 e 8 liñas, cunha caligrafía de 8 palabras por liña). (1 punto)

PREGUNTA 2. REFLEXIÓN SOBRE A LINGUA. (2+0,5=2,5 puntos)

Responda estes dous apartados:

2.1. A partir dos acrónimos que aparecen no texto, explique a importancia que teñen na formación de palabras na actualidade e defina dous deles. (1 punto)
2.2. Analice a función sintáctica dos dous fragmentos subliñados no texto e xustifique a súa contestación. (1 punto)

PREGUNTA 3. A LINGUA E OS SEUS FALANTES. (2+0,5=2,5 puntos)

Nun traballo do ano 2003 Abrams e Strogatz analizaron a interacción de dúas linguas empregando modelos matemáticos. A idea foi estudar a coexistencia de dous grupos monolingües nun determinado territorio. Empregaron datos para o gaélico escocés, o quechua mais o galés para as súas simulacións. Dous anos máis tarde os científicos galegos Jorge Mira e Ángel Paredes fixeron unha análise supoñendo que houbese un grupo de persoas bilingües.

Na gráfica pode observar como evolucionaron os tres grupos lingüísticos desde o ano 1875, ano aproximado do nacemento dos seus tataravós, ata o ano 2005, ano próximo ao do seu nacemento.

imaxe

Para cada grupo está representada a porcentaxe no total que representa. Deste xeito, no ano 1875 o 88,5% da poboación era monolingüe en galego, fronte ao 16,5% do ano 2005, segundo o Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega. Os puntos azuis, cadrados laranxas ou rombos ilustran os valores exactos, mentres que as tres curvas recollen as aproximacións obtidas por Jorge Mira e Ángel Paredes, que permiten inferir tendencias e conxecturar o desenvolvemento futuro.

Escriba un artigo de opinión co título “A desertificación do galego no momento actual e tendencias futuras”, tendo en conta o matiz de significado sinalado no texto, no que se indiquen fortalezas e debilidades da normalización lingüística á vista do que se reflicte no gráfico. Achegue dúas posibles solucións, como mínimo, que ao seu xuízo poidan reverter a perda de falantes que se sinala.

O texto resultante deberá contar con: introdución, dúas partes, correspondentes a dous argumentos como mínimo, e conclusión. Extensión aproximada: 200 palabras (equivalente a 25 liñas cunha caligrafía de 8 palabras por liña). (2 puntos)

PREGUNTA 4. EDUCACIÓN LITERARIA. (2+0,5=2,5 puntos)

Responda un destes dous apartados:

4.1. Lea o seguinte fragmento de Castelao, publicado pola editorial Nós en 1934. Elabore un comentario literario do texto en que se analice o contexto histórico e o contido (tema, perspectiva narrativa…) vinculándoo á forma (xénero discursivo, figuras literarias…) e servíndose das características presentes no texto a través de citas deste. Extensión aproximada: 200 palabras (20 liñas, cunha caligrafía de 8 palabras por liña). (2 puntos)

Tiña eu once anos cando meu pai, que estaba na Arxentina, nos chamou cabo de si; e alá fomos embarcados, a miña nai e mais eu, nun paquebote alemán. E axiña de arribar a Buenos Aires pillamos un tren que corría moito e logo outro tren que corría pouco e despois un coche de cabalos que nos levou a tombos polo deserto da pampa. Naquela soidade plantara meu pai unha casa para facerse rico, cavilando sempre nos eidos nativos, e era forza pechar os ollos ao circio traballo en espera do retorno feliz. A nosa casa era o centro comercial de dez leguas á redonda. Alí vendiamos de todo e alí mercabamos canto producía o país: la, coiros e plumas. O mostrador do comercio estaba defendido con reixas de ferro, porque na nosa casa —portelo obrigado de moitos vieiros— paraban decotío gauchos bravos, afeitos a embebedarse para aldraxarnos co coitelo na man. [...] Namentres vivimos naquel deserto, miña nai non se decatou de que calquera de nós podía morrer alí e podía ser soterrado coma un can. E eu souben gardar o segredo.

Castelao, A.D.R. (1934). “O segredo”, Retrincos. Ed. Nós

4.2. Lea o seguinte poema social de Celso Emilio Ferreiro da súa obra Longa noite de pedra (1962). Analice a forma, os recursos estilísticos (fónicos, morfosintácticos, léxicos) e o contido (tema ou temas, voz lírica, persoas destinatarias). Relacione este texto coa produción poética anterior e explique a renovación que implica. Extensión aproximada: 200 palabras (25 liñas cunha caligrafía de 8 palabras por liña). (2 puntos)

Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero ti, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.
Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmau che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmau che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmau che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmau che falo.

Ferreiro, C.E. (1962). Longa noite de pedra (1962). Ed. Galaxia

crit.

crit.

crit



2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.