ogalego.eu - ogalego.gal

César Morán Fraga
Foto: César Morán Fraga, escritor, músico e amigo de ogalego.eu
ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

PREGUNTAS DE SINTAXE NOS ÚLTIMOS EXAMES DE SELECTIVIDADE EN LINGUA GALEGA E LITERATURA


Xuño 2024

3.1. Indique se os catro infinitivos indicados en letra grosa poden ser conxugados e explique por que; en caso positivo, escriba a oración resultante. (1 punto)

A denominación Día de Todos os Santos provén do cristianismo, pero na cultura celta recibía o nome de Samaín. Con esta festividade celebrábase o comezo do inverno, comezaba a temporada “escura”, a do frío e sen recolleitas. Moitos dos ritos que se celebraban en Galicia durante estes días do ano acabaron por confundirse e atribuírselle a Halloween, unha celebración anglosaxoa que deriva do Samaín e que acabou por copar todo o protagonismo. “Hai ritos ligados a Halloween, pero son nosos dende hai centos de anos”, explica o antropólogo Rafael Quintía.

Durante o Samaín existía a crenza de que os defuntos visitaban as igrexas e as súas casas para comer cos seus familiares mentres que abandonaban, por unhas horas, a friaxe dos cemiterios. Segundo moitos estudios, desta celebración pagá nacen todas as tradicións asociadas cos mortos. A palabra, que procede do gaélico ‘Samhain’, significa ‘fin do verán’, e dá a benvida ao mes de novembro. Xurdiu hai tres mil anos e foron os irlandeses os que exportaron a celebración a Estados Unidos (EUA) a finais do século XIX. Erroneamente, crese que o Samaín naceu do Halloween americano, pero foi ao revés.

Na actualidade en Galicia tampouco se celebra o Samaín, senón o Día de Todos os Santos. Ambas as celebracións son relixiosas. “A festa tradicional é a de Defuntos, que inclúe tamén os magostos e ritos de carácter funerario. Pero a palabra ‘defuntos’ parece que asusta porque vivimos de costas á morte”, sostén Quintía. Hai varias tradicións asociadas a estes días de finais de outubro e comezos de novembro, como por exemplo, acender unha fogueira para queimar pólas ou, a máis coñecida, facer caveiras con cabazas para espantar os malos espíritos.

Criterios de avaliación

Só pode conxugarse o segundo: “os defuntos visitaban as igrexas e as súas casas para comeren cos seus familiares”. Ten o mesmo suxeito ca o verbo principal, pero está separado e introducido por unha preposición.

Acabar por + inf. considérase perífrase (terminativa), e por tanto non se pode conxugar. Os dous últimos non teñen suxeito. No que respecta a queimar, darase por boa se non o flexionan (nalgunha das persoas con desinencia específica).

3.2. “Na actualidade en Galicia tampouco se celebra o Samaín, senón o Día de Todos os Santos”. Indique a categoría gramatical da palabra subliñada e constrúa dúas oracións máis con ela. Ademais, outras dúas coa secuencia se non, da cal tamén ten que indicar de que tipo de palabras está composta. (1 punto)

Criterios de avaliación

(1 punto: 0,2 ptos (por cada categoría ben expresada) x3 + 0,1 x 4)
Nesa oración, senón é conxunción (adversativa).
En se non, se é conxunción. Habitualmente é condicional (“se non o fago, non vou”). Tamén pode ser completiva: “preguntoume se non ía vir”. Os dous exemplos poden ser de calquera tipo.


Xuño 2023

3.1. Analice morfolóxica e sintacticamente as catro formas que en azul no texto. Copie e identifique o tipo de cláusula ou oración que cada unha delas introduce. (1 punto)

Unha casa sen balcón é hoxe en día unha froita con becho no mercado inmobiliario, tamén aquela á que non lle toca a luz do sol. Esas cousas, que sempre importaron, agora... da impostura deste rural que estamos construíndo... na contorna rural das grandes cidades galegas sabemos ben que habitamos un espazo híbrido...

Criterios de avaliación

3.1. (1 punto). 0,25 por cada “que” ben identificado (0,15 por clase de palabra + 0,1 por función sintáctica).

Que (1): pronome relativo. CI. Introduce unha cláusula de relativo / subordinada adxectiva.

Que (2): pronome relativo. Sux. Introduce unha cláusula de relativo / subordinada adxectiva.

Que (3): pronome relativo. CD. Introduce unha cláusula de relativo / subordinada adxectiva.

Que (4): conxunción. Nexo. Introduce unha cláusula subordinada substantiva / completiva.

3.3. Localice no texto dúas perífrases verbais, cada unha dun tipo distinto. Copie o enunciado no que aparecen e indique o tipo e valor concreto de cada unha. (0,5 puntos)

Unha casa sen balcón é hoxe en día unha froita con becho no mercado inmobiliario, tamén aquela á que non lle toca a luz do sol. Esas cousas, que sempre importaron, agora importan moito máis e, diante da ameaza dun novo confinamento ou unha nova pandemia, a xente quere terra que pisar. Con todo, eu, que vivo xa na aldea, que decidín hai ben de anos ter espazo e luz e terra abonda, non sei ben que pensar. Porque para min o período de confinamento fíxome reflexionar tamén sobre ese modelo de cidade difusa, de améndoa de núcleo urbano no que moitas de nós nos embarcamos alá polos finais dos noventa e a primeira década dos dousmil. Decateime, neses días cara adentro, eses días de ocupar con plena consciencia o espazo doméstico, da impostura deste rural que estamos construíndo.

Para min, de procedencia urbana, o campo, a natureza, foi sempre, antes que nada, paisaxe. Eu o que quería era vivir nunha contorna fermosa, alimentarme da beleza malia non saberlle o nome aos paxaros nin as herbas, non ter nin idea dos ciclos lunares nin das épocas de semente e de colleita. Tampouco me importaba saber moito sobre a veciñanza, nin a igrexa nin os santos, nin as familias nin as súas historias, esas manchas de aceite que perviven e trazan mapas invisibles. Habitar a aldea como moitas de nós fixemos e continuamos facendo é un simulacro, un coma quen. Porque, en realidade, a présa, a impersonalidade, o individualismo trouxémolos canda nós ao vir habitar aquí. Vivimos na aldea como se vivísemos nun espazo residencial, nun barrio desa cousa que se denominou cidade-xardín, pero que, é importante subliñalo, non chegou nunca a implementarse de verdade. Os que vivimos na contorna rural das grandes cidades galegas sabemos ben que habitamos un espazo híbrido, un frankestein sociolóxico, que non é quen de crear un concepto cabal de comunidade.

Criterios de avaliación

3.3. (0,5 puntos). 0,25 cada perífrase ben identificada. Canto ao tipo e valor, é suficiente con que demostren que comprenden o significado que achega a perífrase.

Exemplo: Estamos construíndo: Aspectual imperfectiva, central, media, durativa, acción non acabada…


Xullo 2023

3.1. Analice morfolóxica e sintacticamente os seguintes pronomes subliñados e en letra grosa no texto: fascíname; non fose con eles; nós mesmasque me acompañan. (1 punto)

Criterios de avaliación

3.1. (1 punto). 0,25 por cada pronome ben identificado (0,15 pola análise morfolóxica + 0,1 pola análise sintáctica).

- Fascíname: Pronome persoal átono de primeira persoa singular. Funciona como CI ou CD (acéptanse ambas opcións).

- Non fose con eles: Pronome persoal tónico de terceira persoa plural. Funciona como termo dunha frase preposicional.

Nós mesmas: Pronome persoal tónico de primeira persoa plural. Funciona como suxeito.

- Que me acompañan: Pronome persoal átono de primeira persoa singular. Funciona como CD.


Proposta da comisión CIUG para 2022-2023

3.1. Identifique a función sintáctica dos dous fragmentos subliñados no texto (sen analizar os seus compoñentes) e xustifique a súa resposta: centos de millóns de euros // As manchas solares. (1 punto)

Numerosos grupos de presión invisten centos de millóns de euros todos os anos para contrarrestar a evidencia científica sobre a situación...

As manchas solares son rexións da superficie da estrela que albergan unha intensa actividade magnética e poden ir acompañadas de erupcións solares.

Proposta seguindo modelos de anos anteriores:

0,5 puntos cada caso. 0,25 a función e 0,25 a xustificación

centos de millóns de euros CD 0,25 Substitución pronominal: invístenos. 0,25
As manchas solares SUX. 0,25 Concordancia con verbo en número e persoa: As manchas albergan/A mancha alberga. Substitución por “elas”. 0,25

Xuño 2022

3.2. Indique a función sintáctica que desempeñan no interior da súa cláusula ou oración as seguintes unidades subliñadas no texto: “tres anos”, “ver fóra”, “hai un par de semanas”, “proba diso”.

-O 13 de novembro de 2002 tiña tres anos.

-É pequeniño, ten os ollos grandes e cústalle ver fóra

-Hai un par de semanas acudía en Compostela á representación de N.E.V.E.R.M.O.R.E., a peza de teatro documental coa que a Chévere reivindica o relato...

-A desmemoria é proba diso

Proposta da comisión:

0,25 cada función ben identificada.
- tres anos: complemento ou obxecto directo.
- ver fóra: suxeito.
- hai un par de semanas: complemento circunstancial de tempo (se só indica CC = 0,1).
- proba diso: atributo (tamén é válido suxeito).


Xullo 2021

2.2. Identifique a función sintáctica que desempeñan dentro da oración os catro fragmentos subliñados no texto. Non é necesario que analice os seus compoñentes. (1 punto)

-Durante o confinamento estrito pola Covid-19 da pasada primavera sucederon moitas cousas inéditas

-...cando temos tempo de sobra, tempo libre, tempo sen ataduras

-Son abondosos os estudos neurocientíficos e psicolóxicos que demostran a importancia do lecer

Proposta da Comisión:

0,25 cada función ben identificada.
- CCT: Durante o confinamento estrito pola Covid-19 da pasada primavera.
- SUXEITO: moitas cousas inéditas.
- CD: tempo de sobra.
- ATRIB.: abondosos.


Xuño de 2021

2.1. Analice sintacticamente: Nunca tivera as cifras moi claras. (1 punto)

Proposta da Comisión:

2.1. (1 punto).

(0,1) Suxeito elíptico en terceira persoa (ela).

(0,1 + 0,1) Nunca: adverbio ou frase adverbial en función de Complemento Circunstancial de Tempo.

(0,1) tivera: verbo en función de Núcleo do Predicado.

(0,1 + 0,1) as cifras: frase nominal (DET + NOMINAL) en función de Complemento Directo.

(0,1 + 0,3) moi claras: frase adxectiva (MOD + NÚCLEO) en función de Predicativo.


Proposta CIUG para exame en 2021

2.2. Identifique a función sintáctica que desempeñan dentro da oración os catro fragmentos subliñados no texto. Non é necesario que analice os seus compoñentes. (1 punto)

-Numerosos grupos de presión invisten centos de millóns de euros todos os anos para contrarrestar a evidencia científica sobre a situación

-...demostra que os cambios acontecidos durante os últimos 150 anos (desde o comezo da Revolución Industrial) non poden ser naturais pola súa excepcionalidade.

-As manchas solares son rexións da superficie da estrela que albergan unha intensa actividade magnética e poden ir acompañadas de erupcións solares

-... e non observaron a existencia dunha tendencia ascendente, polo que non poden ser a causa do quecemento global recente

Proposta da Comisión:

2.2. (1 punto)

0,25 a ciencia do cambio climático CD

0,25 durante os últimos 150 anos CCT

0,25 As manchas solares SUX.

0,25 a causa do quecemento global recente ATRIB.

0,25 puntos cada función sintáctica ben identificada.


Xullo 2020

4.2. Indique a clase de palabra das catro formas que subliñadas no texto. Copie en cada caso a oración na que están incluídas. (1 punto)

A axencia Arela Comunicación Sostible decidiu lanzar unha selección de pequenas tendas galegas que realizan vendas online. É un xeito de competir co black friday e, en xeral, coa dura competencia que exerce o gran comercio. Unha forma, tamén, de dar a coñecer a produción de calidade elaborada por profesionais locais, e de facilitar o contacto co consumidor final...

Dende Arela destacan que "as compras online e as tendas en liña forman parte do noso día a día como consumidores" e que na actualidade...

"Queremos amosar que hai alternativas", din, subliñando que en Galicia hai empresas...

Proposta da comisión:

4.2. (1 punto) Cada “que” analizado correctamente: 0,25. Non se pide a función, polo tanto non se valora. Valorarase que distingan o pronome relativo da conxunción, polo que é necesario que copien parte da oración na que están incluídos, para saber a cal se refiren en cada caso (xa que este ano non están numeradas as liñas do texto). Tamén aceptamos que identifiquen os “que” por orde numérica de aparición no texto ou pola liña na que están. Pero non valoraremos os “que” non identificados.
pequenas tendas galegas que realizan vendas online: pronome relativo.
dura competencia que exerce o gran comercio: pronome relativo.
Dende Arela destacan que “as compras online e as tendas…”: conxunción (subordinada).
Queremos amosar que hai alternativas: conxunción (subordinada).


Setembro 2020

2.2. Identifique a función sintáctica que desempeñan dentro da oración os catro fragmentos subliñados no texto de GCiencia. Non é necesario que analice os seus compoñentes. ( (1 punto):

...no peor, descaradas mentiras) para desautorizar a ciencia do cambio climático pode facer que as persoas do común non saiban a que aterse

O clima da Terra nunca deixou de cambiar, pero o estudo da paleoclimatoloxía ou, o que é o mesmo, os “climas antigos”, demostra que os cambios acontecidos durante os últimos 150 anos (desde o comezo da Revolución Industrial) non poden ser naturais pola súa excepcionalidade

As manchas solares son rexións da superficie da estrela que albergan unha intensa actividade magnética e poden ir acompañadas de erupcións solares. Aínda que estas manchas posúen a capacidade de modificar o clima da Terra, desde 1978 os científicos están usando sensores en satélites para obter un rexistro da enerxía solar que chega ao planeta e non observaron a existencia dunha tendencia ascendente, polo que non poden ser a causa do quecemento global recente.

Proposta da Comisión:

2.2. (1 punto) 0,25 puntos cada función sintáctica ben identificada.

-0,25 a ciencia do cambio climático CD
-0,25 durante os últimos 150 anos CCT
-0,25 As manchas solares SUX.
-0,25 a causa do quecemento global recente ATRIB.

4.2. Sinale a función sintáctica que desempeña a palabra Laura nos dous casos subliñados no texto e xustifique a súa resposta. (1 punto)

Segundo a súa nai, estaba predestinada á beleza. Nos días de arrolos e plans, de desexos de futuro e de proxectos posíbeis para unha familia que aínda ía tardar moito en peitear cabelos brancos, os pais decidiron predestinar a Laura.

Nin naqueles días nin despois entendeu Laura como a súa nai podía asumir tan alegremente que ela debía sufrir coa beleza como finalidade.

Proposta da Comisión:

4.2. (1 punto)

0,5 puntos cada caso. 0,25 a función e 0,25 a xustificación

Os pais decidiron predestinar a Laura CD 0,25 Substitución pronominal: predestinala. 0,25
entendeu Laura como a súa nai… SUX. 0,25 Concordancia con verbo en número e persoa: Laura entendeu / as nenas entenderon. Substitución por “ela”. 0,25

Xullo 2019

5. "Os médicos están a enganarnos mais eles non o saben. Os visitadores médicos están a enganar os médicos, mais tampouco o saben. As compañías farmacéuticas están a enganarnos a todos, alguén dentro delas sábeo. Isto vén a conto porque, segundo parece, é probable que algún dos medicamentos que nos receitan non fagan o efecto desexado ou polo menos non coa eficacia que proclaman os posuidores das patentes. Esta pouco saudable nova é unha das lecturas que se poden extraer dun traballo realizado por uns investigadores da Universidade de Toronto e publicado recentemente no Bristish Medical Journal."

Neste parágrafo do texto aparecen exemplos de tres tipos básicos de construción coordinativa: copulativa, disxuntiva e adversativa. Localízaos, identifica o seu tipo e comenta brevemente en que se diferencian. [1 punto]

Criterios CIUG xullo 2019

Pregunta 5: 1 punto

Outórganse 0'60 puntos pola localización dos exemplos dos tres tipos de construcións coordinativas adecuadamente identificadas (a razón de 0'20 c./u.) e 0'40 puntos polo breve comentario solicitado (a razón de 0'15 polo comentario correspondente a cada construción, sen exceder a puntuación total). O comentario pode facerse de maneira conxunta ou segregada, indistintamente.

 


Xuño 2019 opción A

4. Contesta as seguintes preguntas relativas ao uso da preposición a. Xustifica as respostas: (en verde no texto) [1 punto]

a) aquela muller amaba os gorilas: podería levar preposición a o complemento directo?

b) unha meiga que castigaría a aquel que fixese dano aos gorilas: podería usarse a preposición a nestes dous casos?

5. Analiza sintacticamente a seguinte oración: En ocasións, Dian Fossey combateu esta práctica xogando coa superstición dos indíxenas(Subliñada no texto) [1 punto]

Criterios CIUG xuño 2019

Pregunta 4: 1 punto

Pola resposta correcta e ben xustificada do primeiro exemplo -enunciado (a)-, outórganse 0’40 puntos. Polas correspondentes ás dúas preposicións do enunciado (b), 0'30 puntos cada unha. Se a resposta é acertada pero non xustificada ou está mal xustificada, concederase 0'15 puntos para cada caso. [NB: Non é correcta a introdución da preposición no exemplo do enunciado (a) nin a súa supresión nos dous casos do enunciado (b).]

Pregunta 5: 1 punto

Valorarase a axeitada identificación das funcións e das categorías ou unidades sintácticas que as desempeñan. Admítese calquera modo de representación da análise así como as diversas terminoloxías, sempre que se empreguen de xeito coherente. Ítems de referencia na corrección (ata 0'15 puntos cada un deles, cun máximo de 1 punto):

1. En ocasións: FP – CCirc (Tempo)
2. Dian Fossey: FN – SUX 
3. combateu: Verbo – Predicado (ou Núcleo da FV-Predicado) 
4. esta práctica: FN – CDirecto 
5. xogando coa superstición dos indíxenas: Or. subord. de xerundio – CPtvo de SUX (ou CCirc Modo) 
6. coa superstición dos indíxenas: FP – CPreposicional (de xogar, non de combater) (ou CCirc) 
7. dos indíxenas: FP (ou FN con de) – Mod (ou CN) de superstición

Dos 0’15 puntos de cada ítem, 0’10 corresponden á identificación da función e 0’05 á identificación da categoría ou tipo de unidade.


Xuño 2019 opción B

4.  Comenta as tres formas se que aparecen no texto (en grosa no texto): indica a que clase e subclase de palabra pertence cada unha delas e o tipo de oración que introducen ou de que forman parte. [1 punto]

a) Non sei se todo o que acabo de describir vos soa

b) exemplo de premonición literaria ou, se se prefire, evidencia autorial

Criterios CIUG xuño 2019 opción B

Pregunta 4: 1 punto

Asígnanse 0'30 puntos ao comentario de cada unha das dúas primeiras formas (se1, se2) e 0'40 ao se3. A puntuación distribúese a partes iguais entre a identificación da (sub)clase de palabra e do tipo de oración. 
Se1: conxunción completiva; introduce or. subord. subst. de CD. 
Se2: conxunción condicional; introduce or. subord. adv. condicional. 
Se3: pronome persoal marcando unha oración impersoal (ou pasiva reflexa).


Setembro 2018

OPCIÓN A) Aprendía galego nas clases de Francisco Carballo, no xermolo da Asociación de Veciños do Calvario, clandestina, como todo o que era interesante daquela. Lendo as Memorias de Balbino puiden saborear fermosas palabras, "mouro", "enfarruscar", lambonadas que nos ofrecías.
Se Memorias dun neno labrego é un dos libros galegos máis difundidos polo mundo adiante, se foi traducido a dezaseis linguas, se segue emocionando a lectoras e lectores de países tan distantes como China ou Alemaña, é por falarnos de cuestións universais, das inxustizas e de como afectan á infancia, das ledicias dun neno por pequenos sucesos, das súas penas nun mundo que ás veces resulta hostil.

4. Repara nas construcións como todo o que era interesante daquela e de como afectan á infancia [1 punto] e

a) Explica as diferenzas sintácticas e de significado existentes entre unha e outra.

b) Sería posíbel substituír nalgún caso como por coma? Xustifica a resposta.

CRITERIO CIUG 1 punto. Outogaranse 0.25 puntos pola identificación das diferenzas sintácticas (comparativa vs. interrogativa), 0.25 polas de significado (comparación vs. pregunta); 0.25 pola identificación da substitución de como por coma na construción a); e 0.25 pola súa xustificación.

----------------------------

OPCÍON B) Cando chega á casa despois do curso de calceta  recíbea un Manuel rosmando porque non está a cea. Rosma aínda máis, está claro, porque non está ela. Matilde entra pola porta coa súa bolsa enorme da que saen as agullas e unhas las de cores.

-E agora isto vai ser un costume ou que -funga o Manuel desde a cociña.

-Todos os xoves de oito a nove. Curso de calceta. Xa cho dixera. Lévame vinte minutos chegar a casa desde a asociación veciñal. Por iso son as nove e vinte e estou na casa.

-Falou o cuco do reloxo! Pois son as nove e vinte e xa teño unha fame negra, que para iso boto o día eslombándome na obra.

-A cea está sen cociñar. Só me levará quince minutos. Pero preciso outros cinco para cambiar de roupa.

-Pois veña, Brancaneves, bulindo.

-Quererás dicir Cinsenta.

O Manuel queda pampo na porta da cociña.

Indica a función sintáctica na oración das frases resaltadas en azul no texto: un Manuel rosmando porque non está a cea, un costume, unha fame negra, outros cinco, Cinsenta. [1 punto]

CRITERIO CIUG: 1 punto. Outorgaranse 0.20 puntos por cada función sintáctica correctamente identificada: un Manuel rosmando porque non está a cea: suxeito; un costume: atributo; unha fame negra: complemento directo; outros cinco: complemento directo; Cinsenta: predicativo. Daranse por válidas terminoloxías equivalentes.


Xuño 2018

OPCIÓN B) Identifica a función sintáctica que desempeñan dentro da oración os fragmentos en grosa no texto: A carón desa enorme superficie álzase a cheminea da central térmica. Non é esta obviamente un prodixio para Galicia pois trátase dun dos aparellos industriais máis contaminantes de Europa que mesmo chegou a custar a vida a varias persoas polos seus letais efectos na atmosfera... Ademais da cheminea destacan as catro torres de refrixeración, enormes cilindros que emiten de forma constante vapor de auga (este non é contaminante) á atmosfera.[1 punto]

CRITERIO CIUG: 1 punto. Outorgaranse 0.25 puntos por cada función sintáctica correctamente identificada.


Setembro 2017

OPCIÓN A) No texto aparece dúas veces a forma che con dous valores claramente distintos. Coméntaos explicando por que son diferentes. [1 punto]:
-eu non che teño a culpa de que alucines coa túa nai e co que pasa!
-Vouche solucionar o teu problema de vez

CRITERIO CIUG: Outórganse 0’50 puntos pola explicación dos valores semántico-pragmáticos que se expresan co uso de cada unha das dúas ocorrencias da forma che propostas. Non se esixe o emprego dunha terminoloxía técnica precisa (e.g., dativo de solidariedade, dativo posesivo), pero si unha explicación clara dos valores que achega o uso do che en cada caso.


Xuño 2017

OPCIÓN A) Poucas cousas hai máis duras que a vida dun gastrónomo. Podería esta comparativa de superioridade construírse cun nexo distinto de "mái... que"Cal sería? Xustifica a resposta e escribe, se é o caso,  como quedaría a oración. [1 punto]
CRITERIO CIUG: Pola identificación da posibilidade de construír esta comparativa de superioridade co nexo máis … ca, 0’50 puntos. Pola explicación desa dupla posibilidade, 0’50 puntos.

OPCIÓN B) Analiza sintacticamente a seguinte oración: Carmela arrodeou a muralla empoleirada na cabina da 
súa máquina.
[1 punto]
CRITERIO CIUG: Valorarase a correcta identificación das funcións oracionais e das categorías ou unidades sintácticas que as desempeñan. Admítese calquera modo de representación da análise así como as diversas terminoloxías, sempre que se empreguen de xeito coherente. 
Ítems de referencia na corrección (ata 0’20 puntos cada un deles): 
1. Carmela: N/FN – Suxeito 
2. Arrodeou: Verbo – Predicado (ou Núcleo da FV-Predicado) 
3. A muralla: FN – CDirecto 
4. Empoleirada na cabina da súa máquina: FV/Or.part./FAdx – Compl. Predicativo (para a análise CCirc Modo, vid. infra) 
5. Na cabina da súa máquina: FP – CCirc Lugar (de empoleirada, non de arrodeou) / Modif. (de FAdx.) 
Dos 0’20 puntos de cada ítem, 0’15 outórganse pola correcta identificación das funcións e 0’05 pola correcta identificación das categorías ou tipos de unidades. Pola análise de empoleirada na cabina da súa máquina como CCirc Modo, 0’05.


Xuño 2016

OPCIÓN A) Fíxate nas catro formas que marcadas. Identifica o tipo e subtipo de palabra que é cada unha delas (ex., conxunción disxuntiva) e o tipo de oración que cada unha delas introduce. [1 punto]
... veu un home risoño, novo pero traxado, que lle preguntou qué pasaba. O pintor díxolle que era pintor, que  viñera alí con permiso...
Criterio CIUG: Outórgase 0’25 puntos por cada forma ben comentada: 0’10 puntos pola identificación do tipo de palabra e 0’15 polo tipo de oración.
-1º que: pron. relativo, oración subordinada adxectiva/relativa;
-2º qué: pron. interrogativo, oración subordinada substantiva/completiva (interrog. indirecta);
-3º e 4º que: conxunción subordinativa/completiva, oración subordinada substantiva/completiva.

OPCIÓN B) Analiza sintacticamente as dúas seguintes frases: [1 punto]
a) O fenómeno da morte das linguas
b) O patrimonio inmaterial da humanidade
Criterio CIUG: Outórganse 0’50 puntos por cada frase ben analizada. Admítense as diversas terminoloxías e formas de representación gráfica de análise habitualmente empregadas, sempre que se usen de xeito coherente. Resérvanse 0’20 puntos en cada caso para a correcta identificación distinta da estrutura xerárquica dos modificadores das frases:
- das linguas complementa a morte e morte das linguas a fenómeno: [fenómenoN [da morte [das linguas]]];
- inmaterial complementa a patrimonio e da humanidade a patrimonio inmaterial [[patrimonioN inmaterial] da humanidade].
Os restantes 0’30 puntos de cada análise outórganse pola adecuada identificación de funcións (determinante, núcleo, modificadores) e tipos de unidades (frases e palabras).


Xuño 2015

OPCIÓN A) Constrúe cadansúa oración que, comezando sempre pola secuencia  Buscamos en primeiro lugar…, conteña respectivamente: a) unha completiva de CD; b) unha concesiva; c) unha oración de relativo; d) unha causal que non vaia introducida por porque. [1 punto]
Criterio CIUG: Outórganse 0‘25 puntos por cada oración ben construída coas característica requiridas.

OPCIÓN B) Identifica a función sintáctica que desempeña cada unha das seguintes frases dentro da oración en que aparecen no texto:
-Acostumarse é o primeiro paso para desentenderse..
-Palestina, eternamente violentada, soporta con cruel intensidade...
-Irán, a punto de converterse nunha teocracia nuclear, esperta en Israel...
-evitar aos nosos fillos o horror da guerra...
-temos que interpelar con firmeza aos nosos respectivos gobernos ... [1punto]
Criterio CIUG: Outórganse 0‘20 puntos por cada función sintáctica ben identificada. Admítense as diversas terminoloxías habitualmente empregadas, sempre que se usen de xeito coherente.
- o primeiro paso para (des)entenderse Atributo ou predicado nominal [non se acepta SU]
- (Palestina,) eternamente violentada, (soporta) Complemento predicativo (de SU) [tamén se acepta Modif. de Palestina; non se acepta CIRC de Modo]
- (converterse) nunha teocracia nuclear Complemento/obxecto preposicional (de réxime) / suplemento
- (evitar) aos nosos fillos (o horror da guerra) Complemento (ou Obxecto) Indirecto
- (interpelar) aos nosos gobernos Complemento (ou Obxecto) Directo


Xuño 2014

OPCIÓN A) Analiza cada unha das cinco formas que subliñadas no texto, identificando o tipo de oración que cada unha delas introduce. [1 punto]
-Ás veces me pregunto por que eu non son
-Agardar con paciencia que baixen as augas
-Eu non son daquelas que cantan ás flores e ás pombas xa o sei
-Nin o podo arrincar que arrincaría a alma
-Prendería o lume que me queima por dentro
Criterio CIUG: Outórganse 0,20 puntos por cada forma ben analizada (0,10 pola identificación do que e 0,10 pola identificación do tipo de oración).
1. Pregunto por que eu non son: Pron. interrogativo + oración subordinada completiva de CD
2. Agardar que baixen as augas: Conxunción + oración subordinada completiva de CD
3/5. Daquelas que cantan / o lume que me queima: Pron. relativo + oración subordinada adxectiva ou relativa
4. Que arrincaría a alma: Conxunción + oración subordinada adverbial causal

OPCIÓN B) Fíxate ben: Por que non manter esa información vital? e Estamos seguros que esa bagaxe non nos vai servir no futuro? son oracións interrogativas de dúas clases distintas. Que diferenzas hai entre un e outro tipo de interrogacións? [1 punto]
Criterio CIUG: A pregunta refírese á contraposición entre interrogativas totais e parciais. Non se esixe, porén, o uso desta terminoloxía. Agárdase que o alumno/a sexa quen de articular unha reflexión metalingüística para explicar as diferenzas existentes entre as dúas maneiras de que dispón para facer preguntas –– diferenzas tanto de forma (presenza/ausencia de partículas interrogativas) como de uso ou función (que tipo de preguntas se fai –e de respostas se dá– con cada unha delas).
Outórgase a razón de 0‘50 puntos por cada tipo, aínda que é de esperar unha resposta integrada para ambos.


Setembro 2014

OPCIÓN A) Indica a que clase de palabra corresponde cada un dos cinco nexos destacados no texto e identifica o tipo de oración que cada un deles introduce. [1 punto]
- o derradeiro día que pasamos na nosa casa
-Eu non sabía que contestarlles…
-xa che expliquei que cada maleta non pode levar
-Dez quilos, quince todo o máis, porque as cousas de Naima seguro que pesaban menos
-o que non me cabería nela aínda que fose enormísima
Criterios CIUG: Outórganse 0,20 puntos por cada forma ben analizada (0,10 pola identificación da clase de palabra e 0,10 pola do tipo de oración).
- Que = pron. relativo + or. subord. adxectiva/relativa
- Que = pron. interrogativo + or. subord. complet. de CD
- Que = conxunción + or. subord. complet. de CD
- Porque = conxunción + or. subord. adverbial causal
-Aínda que = conxunción (ou loc. conx.) + or. concesiva.
Admítense as diversas terminoloxías ao uso e non se require un absoluto detalle ou precisión terminolóxica (e. g. ‗que [ 1] é un pronome que introduce unha oración de relativo‘ sería unha resposta correcta).

 


Xuño 2013

Analiza sintacticamente a primeira oración do texto:  Durante bastante tempo camiñamos en silencio por un carreiro costento, pedregoso e sen sombra. [1 punto]
Criterio CIUG: Valorarase a correcta identificación das funcións oracionais e das categorías ou unidades sintácticas que as desempeñan. Admítese calquera modo de representación da análise así como as diversas terminoloxías, sempre que se empreguen de xeito coherente. Ítems de referencia na corrección:
1. Durante bastante tempo: FP – CCIRC Tempo
2. Camiñamos: Verbo - Predicado (ou Núcleo da FV-Predicado)
3. En silencio: FP – Complemento predicativo (tamén se admite a súa análise como CCIR Modo) 4. Por un carreiro costento, pedregoso e sen sombra: FP – CCIR Lugar
—Pola correcta identificación das funcións: 0,80 puntos = 0,20 por cada ítem.
—Pola correcta identificación das categorías ou tipos de unidades: 0,20 puntos = 0,05 por cada ítem.

 


Setembro 2013

OPCIÓN A) Identifica o tipo e subtipo de oración subordinada que introducen as cinco formas que destacadas no texto. Indica en cada caso se o que é un pronome relativo ou unha conxunción.
-con ollo atento e pluma fácil, que  hai na localidade turca de Kangal
-onde viven uns peixes que sandan unha enfermidade da pel
-nas escamas de pel morta, que tanto abundan nas zonas afectadas
-non nos deixa ver con claridade que hai outro mundo
-Endemais, que dúas culturas tan separadas como a chinesa e a otomá 16 procurasen solucións
Criterio CIUG: Outórganse 0,15 puntos por cada oración ben identificada e 0,05 pola correcta identificación de cada que como pronome ou conxunción. No caso de clasificacións parcialmente incorrectas (e.g., identificación da completiva de SU como de CD), 0,10 puntos. No caso das oracións adxectivas ou relativas non se require a identificación do subtipo (aínda que unha é especificativa e a outra explicativa). Admítense as diversas terminoloxías en uso, sempre que se empreguen de xeito coherente.

OPCIÓN B) Compara as construcións coordinadas dos seguintes exemplos; repara nos seus nexos: [1 punto]
a) perfectamente conectados ao facebook, twiter e outras redes sociais
b) as redes sociais e os blogs e as webs e os podcast e instagram e youtube e e e...
c) a sociedade actual, chea de información, coñecedora de todos os datos

Criterio CIUG: Pola identificación do tipo de coordinación (copulativa) común a todas elas, 0,25 puntos. Polo comentario dos tres tipos de uso dos nexos, 0,75 puntos. Espérase unha descrición/caracterización deses distintos usos, sen necesidade de empregar terminoloxías especializadas do tipo ‗coordinación asindética‘ ou ‗polisindética‘.

2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.