ogalego.eu
monolito
Monólofo, Carlos Casares
Letanía de Galicia, Uxío Novoneyra
qr

Poema comentado para alumnado de Literatura Galega

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

DO COUREL A COMPOSTELA

Os que así nos tein
Só tein noso os nosos nomes no censo,
Que hasta o noso suor sin alento pérdese na terra.

GALICIA, será a miña xeración quen te salve?
¿Irei un día do Courel a Compostela por terras libradas?
Non, a forza do noso amor non pode ser inutle!

Uxío Novoneyra

Tein (teñen), hasta (ata), o noso suor (a nosa suor), sin (sen), inutle (inútil)

Comentario fónico.

 É este un poema de Uxío Novoneyra, máis concretamente do seu segundo libro, "Elexías do Courel", publicado no 1966, e no que -como na maioría da súa obra- predomina a poesía paisaxística. Mais nesta composición a paisaxe está case totalmente ausente, e céntrase na preocupación social.
Fala dun mundo que trata de asoballarnos mais que non consegue posuír máis que os nosos nomes no censo e manifesta a súa esperanza no futuro. O tema sería, pois, a esperanza dunha Galiza liberada.
O texto aparece claramente dividido en dúas partes, marcadas graficamente pola separación estrófica. A primeira presenta unha situación actual de opresión, pero non total, pois somos de tal maneira conscientes desa opresión que non lles damos nin a suor do noso traballo. A segunda parte é a esperanza futura de liberación presentada de forma subxectiva mediante interrogacións e exclamacións.
As dúas estrofas teñen tres versos cada unha de medida irregular (5-11-15 / 14-19-15), como inestábel é a situación que describe. Os máis curtos (os dous primeiros) emprégaos para dicir que nos teñen presos. Agora ben, chama a atención a maneira de expresar o "pouco que nos teñen", maiormente se o comparamos con tanta suor que cae á terra (a nosa consciencia ante esa opresión).
O verso máis longo do poema é o segundo da segunda estrofa ¿Irei un día do Courel a Compostela...?, que marca a grande distancia entre eses dous lugares (extremos case opostos da Galiza) de tanta importancia para o autor: Courel, lugar de nacemento e inspiración, e Compostela, a galeguización do poeta ao coñecer a Otero Pedraio e a Ramón Piñeiro.
O ritmo do poema é moi particular. Entre os dous primeiros versos hai un encabalgamento moi suave. Ao final dese segundo verso unha pausa de grande importancia, xa que o 3º verso ten unha significación totalmente diferente (opresión /consciencia).
A 2ª estrofa comeza con maiúscula: GALICIA: palabra clave para o poema. Quizais os acentos rítmicos perdan importancia ante a técnica do emprego das maiúsculas en Novoneyra. A continuación atopamos dúas preguntas longas, lentas. Unhas preguntas nas que o autor mostra a súa esperanza retoricamente. E ese ritmo do poema é roto con esa exclamación final que non é resposta ás dúas preguntas anteriores. É unha afirmación aínda que a primeira palabra sexa NON. É unha afirmación para convencer, despois das dúbidas expresadas nas interrogativas anteriores.
Volvendo ao principio, fixarémonos nos fonemas predominantes:
O primeiro que chama a atención é a repetición, na primeira estrofa de n, t e s.
A unión dos n e dos t provoca un ritmo repetitivo, monótono e agoniante que nos fala do asoballamento de séculos, tamén constante; pero ao mesmo tempo, sobresae o s, un rumor xordo que parece indicar murmurios, algo que se levanta en medio da opresión, algo que vai pasar, tendo en conta que non somos inconscientes da nosa situación.
Esta situación intermedia, "a cabalo", vémola tamén nas vogais desta estrofa: practicamente todas son e e o. Non estamos ao borde do abismo (non hai u), mais tampouco vemos o presente moi feliz e claro (non hai a).
A 2ª estrofa é máis clara: hai esperanza, mais non vai máis alá. Queda nesa simple esperanza, nas dúbidas, no desexo final. Semella ver todo un chisco máis claro neses primeiros versos (o emprego de e, a), parece mesmo que continúa o balbordo de fondo (s, x)... Crea no ambiente a esperanza de conseguir aquilo que busca nesas auto-preguntas, mais o mesmo autor rompe todos os seus pensamentos de repente; o autor berra para autoconvencerse, despois de ver por un momento que non habería solucións. Ese berro de autoconvencemento está marcado polo emprego de vogais velares (o, u), nesa frase exclamativa: ¡Non, a forza do noso amor non pode ser inútil!
Berra con esperanza, o presente aínda é negativo, pero segue a agardar un futuro mellor.

(comentario en colaboración coa profesora María Xesús Fernández Lopo)

Escoitar o pasodobre e muiñeira do Courel de Xarín

2005-2024