ogalego.eu 
Anxo González Guerra
//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Xunta de Galicia
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Probas de graduado en educación secundaria
Setembro de 2017


Histórico de probas desde 2011 en ogalego.eu


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba
Formato
-A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
-As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
- Un punto por cuestión correctamente contestada.
- Cada resposta incorrecta resta 0,25 puntos.
- As respostas en branco non descontan puntuación.
- A redacción supón o 50% da cualificación final da proba.
Duración
- Este exercicio terá unha duración máxima de 70 minutos.


Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para calcularr a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)


TEXTO 1

As Catedrais

Coñecida tamén como praia de Augasantas pola xente da zona, a praia das Catedrais é sen dúbida o areal máis emblemático, e o máis visitado, do litoral atlántico galego.
Con Bandeira Azul dende 1997, As Catedrais é tamén o principal reclamo turístico da Mariña lucense debido á beleza e á espectacularidade das súas formacións rochosas, que semellan arcobotantes góticos e forman covas de gran altura por mor do efecto da erosión mariña sobre os seus cantís de lousa e xisto.
Nalgúns dos seus tramos poden verse corredores abertos entre amplas paredes verticais e furnas alongadas de profundidade variable: algunhas son pequenos ocos nos cantís mentres que outras superan os 30 ou 40 metros. Do mesmo xeito, algunhas destas covas obrigan os visitantes a entrar
agochados, se ben a maior parte superan os 4-5 metros de altura.
En canto á súa forma, algunhas destas furnas rematan incrustadas na rocha, a modo de cuña, mentres que outras ofrecen na súa parte posterior un espazo cuberto de cantos. Estes cantos proveñen de antigas chemineas que se van abrindo no teito por mor do impacto do aire atrapado polas ondas. Cando estas chemineas chegan a facer ocos no teito este pode derribarse dando lugar a estes singulares espazos.
Este areal dá nome a un espazo máis amplo (279 hectáreas) que se estende dende a praia dos Castros ata a de San Miguel de Reinante, no concello veciño de Barreiros e que foi incluído, no ano 2001, na Rede Natura 2000 como Lugar de Interese Comunitario pola riqueza dos seus hábitats faunísticos e vexetais. Así mesmo, foi declarada tamén Monumento Natural polo Decreto 11/2005 de 20 de xaneiro.
A praia das Catedrais debe visitarse con baixamar, xa que ao subir a marea queda rapidamente cuberta pola auga.

Fonte do texto

1. O texto 1 responde ao tipo:

A Expositivo. Correcto?

B Argumentativo. Correcto?

C Instrutivo. Correcto?

D Dialogado. Correcto?

2. A expresión “o areal máis emblemático(en vermello no texto) significa:

A O máis antigo. Correcto?

B O máis significativo. Correcto?

C O de máis doado acceso. Correcto?

D O que posúe mellores instalacións. Correcto?

3. Escolla a afirmación que mellor recolla o contido do terceiro parágrafo do texto 1 (Nalgúns... altura):

A As covas da praia presentan altura e profundidade semellantes. Correcto?

B As covas da praia presentan altura e profundidade dispares. Correcto?

C Non é relevante o tamaño das covas. Correcto?

D Cómpre entrar agochados en todas as covas. Correcto?

4. “Van abrindo” e “Foi incluído” (subliñados no texto) son respectivamente:

A Perífrase modal de obriga e forma verbal en voz pasiva. Correcto?

B Perífrase aspectual perfectiva e forma verbal en voz pasiva. Correcto?

C Perífrase aspectual imperfectiva e forma verbal en voz pasiva. Correcto?

D Perífrase aspectual imperfectiva e temporal de futuridade. Correcto?

5. As formas “é” e “máis(en vermello no texto) aparecen acentuadas porque:

A Todos os monosílabos se acentúan. Correcto?

B Levan acento diacrítico. Correcto?

C Non deberían levar acento. Correcto?

D Son palabras agudas rematadas en vogal ou -s. Correcto?

6. Na oración “Algunhas destas covas obrigan os visitantes a entrar agochados” a forma en vermello é:

A Unha preposición. Correcto?

B Un artigo. Correcto?

C Unha conxunción. Correcto?

D Un pronome persoal. Correcto?

7. Na oración “A praia das Catedrais é o principal reclamo turístico da Mariña lucense” a estrutura subliñada funciona de:

A Suxeito. Correcto?

B Complemento directo. Correcto?

C Atributo. Correcto?

D Complemento indirecto. Correcto?

8. Atendendo á súa estrutura, as palabras “espectacularidade” e “profundidade(en verde no texto) son:

A Palabras simples. Correcto?

B Palabras derivadas. Correcto?

C Palabras compostas. Correcto?

D Palabras parasintéticas. Correcto?

9. Escolla o sinónimo máis preciso para a palabra “cantís(en vermello no texto):

A Acantilados. Correcto?

B Rochas. Correcto?

C Furnas. Correcto?

D Covas. Correcto?

10. Escolla a serie correcta:

A Estender, estensión, espectacular, exótico. Correcto?

B Extender, extensión, espectacular, exótico. Correcto?

C Estender, extensión, expectacular, exótico. Correcto?

D Estender, extensión, espectacular, exótico. Correcto?

TEXTO 2

O pai de Migueliño

O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados cómo era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ó retrato.
Os "americanos" xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirán do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas, en procura do pai ensoñado.
De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato ou aínda mellor portado, e Migueliño sinteu por el un grande amor e canto máis se achegaba o "americano", máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. ¡Ai!, o "americano" pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo.
Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz devecíase por bicalo a fartar. ¡Tiña un porte de tanto señorío! ¡Ai!, o "americano" pasou de largo e nin tan siquera reparou que o seguían os ollos angurentos dun neno.
Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente.
E cando esculcaba con máis anguria, fíxose cargo de que un home estaba abrazando á súa nai. Era un home que non se parecía ó retrato; un home moi flaco, metido nun traxe moi floxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo...
Aquel si que era o pai de Migueliño.

Castelao (1929): Cousas.

11. O texto 2 presenta un narrador:

A Protagonista. Correcto?

B Testemuña. Correcto?

C Omnisciente. Correcto?

D En segunda persoa. Correcto?

12. A palabra “esculcar(en vermello no texto) significa:

A Mirar sen atención. Correcto?

B Observar atentamente. Correcto?

C Atopar doadamente. Correcto?

D Atopar con dificultade. Correcto?

13. Elixa a idea que máis se axusta ao contido do texto 2:

A Migueliño tiña unha visión idealizada de seu pai. Correcto?

B O pai de Migueliño volveu da emigración rico e san. Correcto?

C Migueliño non quería que seu pai volvese da emigración. Correcto?

D O pai de Migueliño semellábase moito ao home do retrato. Correcto?

14. Na secuencia “un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo” (subliñado no texto) aparece a figura retórica denominada:

A Metáfora. Correcto?

B Metonimia. Correcto?

C Enumeración. Correcto?

D Anáfora. Correcto?

15. Na estrutura “Agora si que o era” a forma en vermello é:

A Un artigo. Correcto?

B Un pronome persoal tónico. Correcto?

C Un pronome relativo. Correcto?

D Un pronome persoal átono. Correcto?

16. Escolla un sinónimo para a palabra “cobiza(en vermello no texto):

A Présa. Correcto?

B Ledicia. Correcto?

C Anguria. Correcto?

D Devezo. Correcto?

17. Na estrutura “Migueliño sinteu por el un grande amor” a secuencia en vermello funciona de:

A Atributo. Correcto?

B Complemento axente. Correcto?

C Complemento directo. Correcto?

D Complemento predicativo. Correcto?

18. Na oración “Era un home que non se parecía ó retrato” a forma en vermello é:

A Unha conxunción. Correcto?

B Un pronome relativo. Correcto?

C Un pronome persoal. Correcto?

D Unha preposición. Correcto?

19. Elixa a serie correctamente conxugada:

A Eu sinto, ti sintes, el/ela/vostede sinte. Correcto?

B Eu fuxo, ti foxes, el/ela/vostede foxe. Correcto?

C Eu desminto, ti desmintes, el/ela/vostede desminte. Correcto?

D Eu durmo, ti durmes, el/ela/vostede durme. Correcto?

20. Escolla un antónimo para “gozo(en vermello no texto):

A Aflición. Correcto?

B Deleite. Correcto?

C Pracer. Correcto?

D Desexo. Correcto?


Exercicio de redacción en lingua galega (20 puntos)
Imaxine que vostede traballa na área de turismo do seu concello e ten que redactar un texto sobre os atractivos turísticos do mesmo para publicar na páxina web. Redacte un texto de 200 palabras no que debe:
-Presentar os valores culturais, paisaxísticos e gastronómicos da zona.
-Informar verbo das infraestruturas viarias e hoteleiras.
-Animar os posibles visitantes.

(Na valoración da redacción terase en conta o xeito de estruturar os datos e os feitos, a coherencia da exposición, o vocabulario empregado, o dominio da ortografía e a presentación do escrito)


ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com