ogalego.eu 
Anxo González Guerra
//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Xunta de Galicia
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Probas de graduado en educación secundaria
Maio de 2015


Histórico de probas desde 2011 en ogalego.eu


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba
Formato
-A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
-As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
- Un punto por cuestión correctamente contestada.
- Cada resposta incorrecta resta 0,25 puntos.
- As respostas en branco non descontan puntuación.
- A redacción supón o 50% da cualificación final da proba.
Duración
- Este exercicio terá unha duración máxima de 70 minutos.


Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para calcularr a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)


TEXTO 1

Moita rabia onte no cemiterio municipal de Teo, preto de Santiago de Compostela. Nun ambiente de profunda consternación, entre bágoas e incredulidade, os veciños acompañaron os familiares do matrimonio que o domingo foi atopado morto na súa cama con senllos disparos de bala na cabeza. Sobre as cinco menos dez da tarde, a comitiva chegou ao tempo dende o tanatorio, entre escenas de dor e un impresionante silencio só interrompido polo ruído dos motores dos coches. Na igrexa e os seus arredores reuníronse unhas trescentas persoas, que arrouparon constantemente o fillo dos falecidos. Por causa da tensión, Manuel Gómez tivo que ausentarse durante uns minutos do templo, onde sufriu unha crise nerviosa da que se recuperou axiña. Ao acto fúnebre, que se prolongou durante unha hora no medio de grandes mostras de emoción, asistiron tamén varios membros da corporación municipal, que declinaron facer declaracións por respecto aos familiares. Durante a homilía, o sacerdote oficiante comentou que “ante unha morte violenta, o único que se pode facer é rezar polas almas dos falecidos e buscar consolo en Deus”.
A Garda Civil, que nun principio non rexeitara ningunha hipótese, deu por pechado o caso e desbota definitivamente a intervención de terceiras persoas. Tras varios días de investigación, o Instituto Armado concluíu que Antonio Gómez Ribeira, de 78 anos, matou primeiro a súa muller, Avelina Carballido Fernández, de 72 anos, para posteriormente deitarse ao seu carón e dispararse a si mesmo. Todo ocorreu de madrugada, sen que ninguén se decatase do suceso ata a mañá seguinte, cando a ausencia dos dous anciáns dos seus labores diarios espertou sospeitas entre os veciños. Soamente queda a dúbida de se a muller pactou a tráxica fin co seu marido, ou se foi Antonio Gómez quen decidiu actuar unilateralmente. En relación coa autopsia, fontes da Delegación do Goberno informaron de que, á vista das evidencias, “só se tratou dun simple trámite administrativo e procesual”.

Diego Ameixeiras, Matarte lentamente.

Preguntas sobre o texto anterior:

1. O “ambiente de profunda consternación” (liñas 1 e 2) pon de manifesto que os veciños:
A Non teñen clara a causa das mortes. Correcto?

B Están moi abatidos polo tráxico suceso. Correcto?

C Séntense solidarios co fillo dos falecidos. Correcto?

D Teñen a esperanza de que se esclarezan os feitos. Correcto?

2. Á vista dos feitos probados no texto 1:
A A Garda Civil considera rematada a investigación. Correcto?

B Para a opinión pública non quedan dúbidas pendentes. Correcto?

C A Delegación do Goberno verifica que Antonio Gómez actuou unilateralmente. Correcto?

D Parece confirmado que se trata dun caso de violencia de xénero. Correcto?

3. A corporación municipal que asistiu ao enterro estaba constituída por:
A A policía local. Correcto?

B O goberno local. Correcto?

C Os traballadores municipais. Correcto?

D Os membros da oposición. Correcto?

4. Entre “Garda Civil” e “Instituto Armado” (vermello no texto) hai unha relación de:
A Polisemia. Correcto?

B Homonimia. Correcto?

C Antonimia. Correcto?

D Sinonimia. Correcto?

5. O narrador do texto 1 é:
A Un narrador omnisciente. Correcto?

B Un narrador testemuña. Correcto?

C Un narrador espectador. Correcto?

D Un narrador protagonista. Correcto?

6. Elixa a serie ortograficamente correcta:
A Proibir, hola, haber, armonía. Correcto?

B Prohibir, ola, haber, harmonía. Correcto?

C Proibir, ola, aber, armonía. Correcto?

D Prohibir, hola, haber, harmonía. Correcto?

7. Elixa a serie correcta en canto ao xénero gramatical:
A O labor, o mar, o sal, a paréntese, a arte. Correcto?

B A labor, a mar, o sal, a paréntese, a arte. Correcto?

C O labor, o mar, a sal, o paréntese, a arte. Correcto?

D A labor, o mar, o sal, a paréntese, o arte. Correcto?

8. Elixa a serie correcta en canto ao uso dos numerais:
A Tercio, cincocentos, séptimo, vinteún. Correcto?

B Terzo, cinco centos, sétimo, vinte e un. Correcto?

C Tercio, cinco centos, séptimo, vinteún. Correcto?

D Terzo, cincocentos, sétimo, vinte e un. Correcto?

9. “Axiña” (vermello no texto) é un:
A Adverbio. Correcto?

B Adxectivo. Correcto?

C Substantivo. Correcto?

D Pronome. Correcto?

10. No enunciado “A Garda Civil, que nun principio non rexeitara ningunha hipótese, deu por pechado o caso” hai unha oración:
A Explicativa. Correcto?

B Coordinada. Correcto?

C Especificativa. Correcto?

D Xustaposta. Correcto?

Texto 2:

A escalada e o ciclo da violencia de xénero

No ámbito da parella, o maltrato cara ás mulleres desenvólvese xeralmente seguindo unhas pautas concretas. Coñecer como se xera, os efectos e as consecuencias é fundamental para entender e axudar a muller que sofre violencia.

maio2

O maltrato comeza con condutas de abuso psicolóxico baixo a forma e expresión de actitudes de coidado e protección. Habitualmente estas condutas, que adoitan ser a antesala do maltrato físico, non se perciben por parte das mulleres como agresivas, senón como manifestacións do carácter da parella ou de características masculinas por excelencia (rol dominante e protector)
O aumento progresivo da violencia, ata chegar ás agresións físicas e mesmo á morte, pode estenderse ao longo dun prolongado período de tempo, durante o cal se incrementa a perda de referencias, de autoestima e de seguridade persoal, de maneira que é difícil para as mulleres vítimas percibir e entender o significado e a trascendencia do proceso en que están inmersas, así como o risco que corren.

maio

Tensión: caracterízase por unha escalada gradual de tensión que se manifesta en actos que aumenta a fricción e os conflitos entre a muller e o home, como insultos, abuso físico... As discusións intensifícanse por cuestións intranscendentes dando paso á agresión física.
Agresión: cando o proceso deixa de responder a algún tipo de control na fase de acumulación de tensión terá lugar a seguinte fase, “de agresión”, que se caracteriza por unha descarga incontrolada de tensións que se foron acumulando e que levan a que se produza un incidente agudo de agresión. Estala a violencia e teñen lugar as agresións físicas, psíquicas ou sexuais. É a fase onde se mostra unha maior capacidade lesiva, aínda que é a máis breve das tres.
Arrepentimento: séguelle outra de calma, tamén chamada de “lúa de mel”, caracterizada por unha conduta de arrepentimento e afecto do home agresor e de aceptación da muller que cre na súa sinceridade e en que este cambiará. Nesta fase predomina unha imaxe idealizada da relación, acorde cos modelos convencionais de xénero. Pero, ao remate desta fase o ciclo comezará de novo, aumentando as anteriores en frecuencia e intensidade.

Xunta de Galicia, Guía para o voluntariado en violencia de xénero.

11. Segundo o texto 2, o maltrato:
A É un proceso perceptible con facilidade desde dentro. Correcto?

B É un proceso que sofre frecuentes altibaixos. Correcto?

C Segue unha liña clara de ascenso na tensión. Correcto?

D É un estado frecuente nas relacións de parella. Correcto?

12. O “rol dominante e protector” do xénero masculino NON se refire:
A Ás características que se lle supoñen ao home na cultura tradicional. Correcto?

B Á definición do home como pai de familia dentro da nosa sociedade. Correcto?

C Á visión do home como ser que está en inferioridade de condicións. Correcto?

D Á consideración do home como elemento forte da parella. Correcto?

13. Que función sintáctica desempeña o sintagma “as discusións” na oración “as discusións intensifícanse por cuestións intrascendentes”?
A Suxeito. Correcto?

B Complemento directo. Correcto?

C Complemento indirecto. Correcto?

D Atributo. Correcto?

14. O texto 2:
A Narra o proceso do maltrato nunha parella concreta. Correcto?

B Describe o proceso do maltrato na parella en xeral. Correcto?

C Argumenta sobre as causas do maltrato. Correcto?

D Dialoga co lector para que identifique as fases do maltrato. Correcto?

15. Elixa a serie correcta en canto á acentuación:
A Explícachelo, subía, máis (conxunción copulativa), cómic. Correcto?

B Explicáchelo, subía, mais (conxunción copulativa), cómic. Correcto?

C Explícachelo, subia, mais (conxunción copulativa), comic. Correcto?

D Explicachelo, subia, máis (conxunción copulativa), cómic. Correcto?

16. Elixa a serie ortograficamente correcta:
A Vítima, construción, dicionario, produto. Correcto?

B Vítima, construcción, diccionario, produto. Correcto?

C Vítima, construción, dicionario, producto. Correcto?

D Víctima, construcción, diccionario, producto. Correcto?

17. Identifique a categoría gramatical e a familia léxica da palabra “gradual” (vermello no texto):
A Substantivo da familia de “grado”.Correcto?

B Adxectivo da familia de “grado”. Correcto?

C Substantivo da familia de “grao”. Correcto?

D Adxectivo da familia de “grao”. Correcto?

18. Os verbos “comeza”, “perciben” e “intensifícanse” son formas de:
A Presente de subxuntivo. Correcto?

B Pretérito perfecto. Correcto?

C Presente de indicativo. Correcto?

D Pretérito imperfecto. Correcto?

19. Elixa o sinónimo de “habitualmente” (vermello no texto):
A Arreo. Correcto?

B Decote. Correcto?

C Amodo. Correcto?

D Devagar. Correcto?

20. Que relación semántica existe no binomio “home / muller”?
A Polisemia. Correcto?

B Sinonimia. Correcto?

C Antonimia. Correcto?

D Homonimia. Correcto?


1.3 Exercicio de redacción en lingua galega (20 puntos)
Vostede ten unha irmá que vive no estranxeiro e que está pasando por unha situación conflitiva na súa relación de parella.
Como non sabe con exactitude o que lle sucede, vostede vai enviarlle unha mensaxe electrónica. No seu texto, de 200 palabras aproximadamente, ten que:
-Expoñer o motivo da súa mensaxe.
-Preguntarlle pola súa situación nos distintos ámbitos da vida.
-Ofrecerlle consello e tentar convencela para que pida axuda especializada se é un caso de violencia de xénero.


ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com