ogalego.eu 
Anxo González Guerra
//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Xunta de Galicia
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Probas de graduado en educación secundaria
Setembro de 2014


Histórico de probas desde 2011 en ogalego.eu


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba
Formato
-A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
-As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
- Un punto por cuestión correctamente contestada.
- Cada resposta incorrecta resta 0,25 puntos.
- As respostas en branco non descontan puntuación.
- A redacción supón o 66% da cualificación final da proba.
Duración
- Este exercicio terá unha duración máxima de 50 minutos.


Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para calcularr a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)


Texto 1

Vivir cun vampiro

Erguín a vista e mirei o morcego. Sentadiño, coma min, erguía a cabeza para ler no meu libro. Nunhas décimas de segundo, imaxineino coma un debuxo de Disney, con lentes e todo, tentando intimar comigo no sofá. Pero venceume o noxo. Saltei ao extremo oposto do salón preguntándome como me entrara na casa. Mirei nerviosa derredor, mentres o morcego comezaba a pisar cos seus pezuñiños o sitio onde eu estivera sentada. Pousaba unha á no libro, aberto á intemperie dos morcegos, e mirábame. Todas as portas fechadas. As ventás, sen abrir desde o luns. Observoume e estiven convencida de que se ría de min. ¿Por onde entraría?
Desde o primeiro momento, tiven claro que debía matalo. ¿E se detrás del me viña, cal frautista de Hamelín, unha procesión de morcegos que atopara en min unha esperanza musical? Tiña que morrer. Atrevinme a ir amodo á cociña e collín o insecticida; os flis-flis, a fin de contas, matan todas as cousas negras con ás. Fsssss, baleireille o bote enriba. Eu mesma me intoxiquei co ataque químico, pero o morcego só quedou aparvado. Esbirrou, tapou o nariciño coa á dereita e miroume cos ollos cheos de lagrimóns. Visto así, pareceume unha boa idea aspiralo. Cando cheguei co aspirador, o morcego estaba contra a parede, as ás abertas, como pedindo perdón, pero deume igual. Achegueille o tubo e aspirei ata que o oín rebulir xa na bolsa do po.
De súpeto, inquedeime toda. ¿Por que estaría o morcego tan tranquilo no meu sofá? ¿Por que ao principio me sorría? ¿Será que vivía nesta casa antes ca min e a intrusa son eu? Menos mal que o ceibei da bolsa, onde aínda rebulía.
Desde entón, o morcego e mais eu miramos xuntos o telediario, e tápolle os ollos cando falan das eleccións.

Inma López Silva, La Voz de Galicia.

Preguntas sobre o texto anterior:

1. Escolla o enunciado que mellor exprese o contido do texto 1:
A Historia de ficción sobre o encontro entre un morcego e unha moza. Correcto?

B Historia verosímil sobre a vida en común de distintas especies. Correcto?

C Historia real sobre os problemas de convivencia entre amigos. Correcto?

D Historia inverosímil sobre as dificultades da vida moderna. Correcto?

2. Ao longo do relato percíbese que:
A A historia que se relata é verosímil. Correcto?

B O personaxe principal evoluciona. Correcto?

C Os feitos se relatan de xeito descontinuo. Correcto?

D O narrador utiliza exclusivamente a terceira persoa. Correcto?

3. No enunciado “Pousaba unha á no libro, aberto á intemperie” (en vermello no texto), as voces subliñadas son, respectivamente:
A Un substantivo e unha preposición, os dous con acento agudo. Correcto?

B Un substantivo e unha contracción, os dous con acento agudo. Correcto?

C Un substantivo e unha contracción, os dous con acento diacrítico. Correcto?

D Unha preposición e un substantivo, os dous con acento diacrítico. Correcto?

4. Na pregunta “¿E se detrás del me viña, cal frautista de Hamelín, unha procesión de morcegos que atopara en min unha esperanza musical?” (en vermello no texto) podemos atopar:
A Unha aliteración. Correcto?

B Unha anáfora. Correcto?

C Un símil. Correcto?

D Unha antítese. Correcto?

5. Na secuencia “Atrevinme a ir amodo á cociña e collín o insecticida; os flis-flis, a fin de contas, matan todas as cousas negras con ás. Fsssss, baleireille o bote enriba” (en vermello no texto) podemos atopar:
A Dous adxectivos en grao aumentativo. Correcto?

B Dúas onomatopeas. Correcto?

C Dous infinitivos conxugados. Correcto?

D Dous posesivos distributivos. Correcto?

6. Atendendo á ortografía, elixa a serie correcta:
A Espacio, licenza, urxenza, xusticia. Correcto?

B Espazo, licencia, urxenza, xusticia. Correcto?

C Espazo, licenza, urxencia, xustiza. Correcto?

D Espacio, licencia, urxencia, xustiza. Correcto?

7. Atendendo ao xénero dos seguintes substantivos, elixa a serie correcta:
A A lente, o análise, o sinal, o calor. Correcto?

B O lente, o análise, a sinal, o calor. Correcto?

C A lente, a análise, o sinal, a calor. Correcto?

D O lente, a análise, a sinal, a calor. Correcto?

8. Elixa a serie correctamente conxugada:
A Eu fuxo, ti foxes, el foxe. Correcto?

B Eu sigo, ti segues, el sigue. Correcto?

C Eu sirvo, ti sirves, el sirve. Correcto?

D Eu firo, ti feres, el fire. Correcto?

9. Identifique que tipo de palabra é “amodo” (liña 7):
A Locución adverbial. Correcto?

B Conxunción subordinada. Correcto?

C Preposición. Correcto?

D Adverbio de modo. Correcto?

10. Identifique o campo semántico correcto:
A Morcego, araña, funil, vaca. Correcto?

B Morcego, balea, golfiño, can. Correcto?

C Morcego, verme, nécora, chifro. Correcto?

D Morcego, vimbio, escornabois, xoaniña. Correcto?

Texto 2

Un cangués persegue aos seus compañeiros de piso cunha maza e ensarta ao gato nun pau. A Garda Civil detivo a M.C., de 36 anos de idade, por esnaquizar o piso no que residira recentemente en Cangas, ameazar e perseguir cunha maza e un machete a un dos seus ex-compañeiros e por ensañarse co gato destes, que espetou nun pau.
Os seus ex-compañeiros de piso acudiron onte ao posto da Garda Civil de Cangas para denunciar que cando un deles chegou á casa ao acabar a súa xornada laboral viu como a vivenda tiña as fiestras rotas e no interior estaban regados polo chan os electrodomésticos, os ordenadores, os mobles e a comida.
Ao decatarse da súa presenza, M.C., ao que lle consta un amplo historial delituoso, ameazouno e perseguiuno cun machete de grandes dimensións e unha maza, segundo o relato dos denunciantes.
Unha vez no domicilio, os axentes detiveron a M.C. e comprobaron que destripara ao gato dos denunciantes e que o espetara, pola boca, nun pau diante da fiestra da cociña.

Diario de Pontevedra (16/07/2013)

11. O texto 2 é:
A Un texto xornalístico que informa dun feito real. Correcto?

B Un artigo xornalístico que argumenta sobre a violencia. Correcto?

C Unha narración que conta unha historia de ficción. Correcto?

D Un atestado xudicial que describe un acto violento. Correcto?

12. Elixa a serie que mellor substituiría a voz “esnaquizar” (en vermello no texto) neste texto de rexistro formal:
A Deteriorar, estragar. Correcto?

B Escarallar, escachizar. Correcto?

C Romper, escachar. Correcto?

D Esmendrellar, escangallar. Correcto?

13. Elixa a idea que máis se axusta ao contido do texto 2:
A M.C. arruinou o piso e matou o gato dos seus compañeiros. Correcto?

B M.C. tiña unha depresión e lévase mal cos seus veciños. Correcto?

C M.C. ten antecedentes penais e volveu cometer un delito. Correcto?

D M.C. sufriu un brote psicótico e logo foi detido pola Garda Civil. Correcto?

14. “M.C., ao que lle consta un amplo historial delituoso” (en vermello no texto) significa:
A Que coñece ben este tipo de delitos. Correcto?

B Que coñece ben o relato dos feitos. Correcto?

C Que ten numerosos antecedentes policiais. Correcto?

D Que estivo preso moitos anos. Correcto?

15. Os verbos “ameazouno” (en vermello no texto) e “perseguiuno” (en vermello no texto) son:
A Pasados compostos de indicativo. Correcto?

B Pretéritos de indicativo. Correcto?

C Pospretéritos de indicativo. Correcto?

D Pretéritos de subxuntivo. Correcto?

16. Elixa a serie ortograficamente correcta:
A Mesillón, antoxo, lentexa, sinselo. Correcto?

B Mexillón, antollo, lentella, sinxelo. Correcto?

C Mesillón, antoxo, lentella, senxelo. Correcto?

D Mexillón, antollo, lentexa, xinxelo. Correcto?

17. Sinale o enunciado gramaticalmente correcto:
A A Garda Civil conseguiu probas abondas para inculpalo. Correcto?

B A Garda Civil acudiu ao piso ca xuíza de garda. Correcto?

C A Garda Civil non atopou proba algunha. Correcto?

D A Garda Civil se desfixo das probas porque coñecía ao acusado. Correcto?

18. Indique en que enunciado “o gato” NON é o suxeito:
A O gato vírono aínda vivo ás 11 da noite. Correcto?

B O gato estaba con vida ás 11 da noite. Correcto?

C O gato tiña sinais de violencia extrema. Correcto?

D O gato fora un agasallo dos pais dun dos rapaces. Correcto?

19. Identifique a estrutura correcta:
A A pesares de ter interposto a denuncia, o acusado saíu libre. Correcto?

B Seguindo os denunciantes, M.C. era o culpable dos feitos. Correcto?

C Agás os denunciantes, ninguén máis vira o estado do piso. Correcto?

D Onda os denunciantes, denunciaron outros veciños. Correcto?

20. Cal é o significado exacto da voz “domicilio” no seu contexto (en vermello no texto)?
A Enderezo postal. Correcto?

B Vivenda. Correcto?

C Chalé. Correcto?

D Local. Correcto?

1.3 Exercicio de redacción en lingua galega (10 puntos)
Imaxine que vostede preside a súa comunidade de veciños. Redacte as normas de convivencia (200 palabras
aproximadamente) que deberán ser debatidas na próxima xuntanza.
Faga unha breve introdución dos problemas recentes que lle levaron a presentar esta proposta.
Especifique as normas de obrigado cumprimento.
Identifique con claridade os aspectos máis conflitivos.
Inclúa pautas para a boa convivencia entre veciños con e sen animais.


ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com