ogalego.eu 
Anxo González Guerra
//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados
Web da Xunta de Galicia

Xunta de Galicia
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Probas de graduado en educación secundaria
Maio de 2014


Histórico de probas desde 2011 en ogalego.eu


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba

Formato
 A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
 As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
 Un punto por cuestión correctamente contestada.
 Cada resposta incorrecta resta 0,25 puntos.
 As respostas en branco non descontan puntuación.
 A redacción supón o 66% da cualificación final da proba.
Duración
 Este exercicio terá unha duración máxima de 50 minutos.

Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para poder calcular a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)


Texto 1

Un rapaz que sería quen de manxar ao seu pai polas pernas

A tía Ádega, chea de alifafes, non reparaba en sacalo da boca para mandarllo aos meniños de Farruco: un sobriño casado fóra da vila. (...) En días sinalados a tía Ádega mandáballes aos sobriños un caixón cheo de cousas de comer, e quedábase cavilando no contentamento dos rapaces. A caixa sempre contiña lambetadas de mérito: chourizos, anacos de pernil, roscas de ovo, cachos de torta, melindres, azucre...
(...) Os nenos eran fazuleiros e bonitos, como anxelotiños de retablo barroco; pero cumpría moito pan para tantos peteiros abertos. A rolada dos nenos de Farruco enchía de rechouchíos o abrente do día, e o pobre pai tiña que erguerse co corpo magoado polo traballo da véspera. Os rapaces non paraban de piar. Eles comían, comían, e as súas cariñas ledas e bonitas sempre amosaban o degoiro de comer. O pobre Farruco chegou a decatarse de que as andorgas dos nenos xamais se fartarían, e dedicouse a traballar sen acougo, resinado coa súa cativa sorte.
Cando chegaba o caixón da tía Ádega, os rapaces bailaban ao seu redor, e non saían da casa mentres o caixón non se baldeirase nos seus bandulliños. Cando non había ningún rapaz de Farruco na rúa era sinal de que chegara o caixón da tía Ádega.
Eu quero contarvos un sucedido que amosa os degoiros de comida que sempre sentían os rapaces de Farruco. Estaba o pobre pai ensumido en cavilacións, pois acababa de recibir un novo meniño, moi repoludo e bonito, certamente, pero que non traía consigo a comida do mañá, e achegouse a el Pedro, o fillo máis vello, que o espertou das súas cavilacións.
—De onde veu o meniño, papá?
E Farruco respondeulle, por dicir algo:
—Mandouno a tía Ádega no caixón das lambetadas.
E Pedro, despois dun anaco de meditación, volveu a preguntar, cos seus ollos de acibeche, brillantes de ledicia:
—E cando o comemos?

Castelao, Os dous de sempre.

Preguntas sobre o texto anterior:

1. Escolla o enunciado que mellor reflicte o tema do texto 1:
A O ben que se pasaba na época. Correcto?

B A unión familiar. Correcto?

C A inocencia dos cativos. Correcto?

D A educación escolar. Correcto?

2. A expresión chea de alifafes (en vermello no texto) significa que tiña…
A Moita comida caseira. Correcto?

B Moitos animais domésticos. Correcto?

C Moitos achaques de saúde. Correcto?

D Moitas xoias antigas. Correcto?

3. A expresión os seus ollos de acibeche (en vermello no texto) é:
A Un símil. Correcto?

B Unha metáfora. Correcto?

C Unha anáfora. Correcto?

D Unha metonimia. Correcto?

4. O sufixo -iña da palabra cariña (en vermello no texto) ten un valor:
A Pexorativo. Correcto?

B Afectivo. Correcto?

C Despectivo. Correcto?

D Caracterizador. Correcto?

5. Cal é o estado de ánimo de Farruco no texto 1?
A Estaba preocupado por ter que alimentar a un neno máis. Correcto?

B Estaba concentrado no traballo. Correcto?

C Estaba canso, pois erguíase moi cedo para traballar. Correcto?

D Estaba magoado e cunha sorte cativa. Correcto?

6. Acababa de recibir (en vermello no texto) é:
A Unha perífrase verbal. Correcto?

B Unha forma verbal composta. Correcto?

C Unha forma verbal simple. Correcto?

D Un infinitivo conxugado. Correcto?

7. Rolada (en vermello no texto) é un substantivo:
A Común e colectivo. Correcto?

B Común e abstracto. Correcto?

C Propio e colectivo. Correcto?

D Propio e individual. Correcto?

8. O substantivo Farruco (en vermello no texto) é un:
A Alcume. Correcto?

B Hipocorístico. Correcto?

C Topónimo. Correcto?

D Hidrónimo. Correcto?

9. Degoiro (en vermello no texto) é sinónimo de:
A Anhelo. Correcto?

B Dor. Correcto?

C Tristeza. Correcto?

D Esperanza. Correcto?

10. A palabra fóra (en vermello no texto) acentúase porque…
A É grave rematada en vogal. Correcto?

B É un caso de til diacrítico. Correcto?

C É aguda rematada en vogal. Correcto?

D É un ditongo. Correcto?

Texto 2

A mala educación alimentaria

O exceso de peso dos máis pequenos é o resultado dunha ecuación complexa na que interveñen factores xenéticos,
ambientais, socioeconómicos e psicolóxicos.
Unha cuarta parte dos mozos españois menores de 24 anos padecen obesidade ou sobrepeso, o que converte a España nun dos países europeos con maiores taxas de obesidade infantil. O dedo acusador diríxese á inactividade física, á comida rápida ou ás mensaxes publicitarias, pero todo apunta a que a causa desta epidemia rampante se basea principalmente nunha inadecuada educación alimentaria. Non fai falta ollar para outros países para comprobar esta afirmación. En abril do 2007 uns avós asturianos perderon temporalmente a custodia do seu neto, un neno de 10 anos e 100 quilos de peso. O Goberno de Asturias fíxose cargo temporalmente da súa tutela para sometelo a unha dieta de adelgazamento co obxecto de que o menor recuperase un peso normal para a súa idade. Apenas dous meses antes, os servizos sociais británicos valoraran a posibilidade de retirarlle a custodia á nai dun neno de oito anos que pesaba 91 quilos.
Ambos os dous casos poden considerarse extremos, pero non por iso deixan de ser un síntoma de que algo anómalo está a suceder en Europa cos seus hábitos alimentarios. Enquisas recentes corrobórano: España é, por detrás do Reino Unido, o país europeo con maiores taxas de obesidade infantil. As cifras non deixan lugar para a indiferenza: a incidencia de obesidade en nenos e mozos de 2 a 24 anos alcanza xa o 13,9%, e a de exceso de peso, o 12,4%. É dicir, unha cuarta parte de nenos e mozos teñen un peso superior ao que sería saudable para a súa idade, cifra que se duplicou en só 15 anos.
A resolución do caso do neno asturiano é moi significativa porque inclúe unha valoración na que se fixa a verdadeira
responsabilidade da obesidade do menor. A medida pretendía, segundo a sentenza, que os avós adquirisen un compromiso real de alimentación saudable para que o mozo se puidese reinserir no seu fogar sen que se vise vulnerado por iso o dereito fundamental á saúde.
Esta decisión tomouse logo de descartar problemas endócrinos ou metabólicos e tras analizar en profundidade o estilo de vida da familia do menor. A análise estableceu como causa directa do exceso de peso unha "mala educación alimentaria" que afectaba non só ao neno, senón a boa parte dos membros da familia.

Fonte

Continuación, preguntas sobre o texto 2:

11. Escolla o enunciado que mellor reflicte o tema do texto 2:
A Os nenos non comen. Correcto?

B Comer ben é cuestión de aprender. Correcto?

C A obesidade non é un problema. Correcto?

D A unión familiar á hora de comer. Correcto?

12. Segundo o texto 2, a causa da obesidade infantil é:
A O aumento do índice da pobreza. Correcto?

B O sedentarismo. Correcto?

C A desaxeitada formación alimentaria. Correcto?

D A comida precociñada. Correcto?

13. Para que os avós do neno asturiano tivesen a súa custodia, debían comprometerse a:
A Educalo o mellor que puidesen. Correcto?

B Garantirlle unha alimentación saudable. Correcto?

C Darlle diariamente tres pezas de froita. Correcto?

D Velar polo benestar físico e emocional do seu neto. Correcto?

14. Unha noticia debe ser:
A Subxectiva. Correcto?

B Obxectiva. Correcto?

C Imaxinaria. Correcto?

D Metafórica. Correcto?

15. O Goberno de Asturias fíxose cargo do neno porque:
A Tiña problemas na escola. Correcto?

B Tiña problemas endócrinos e metabólicos. Correcto?

C Tiña un peso pouco saudable. Correcto?

D Tiña familiares obesos. Correcto?

16. A que fai referencia a expresión o dedo acusador (en vermello no texto)?
A A custodia. Correcto?

B O interese. Correcto?

C O motor. Correcto?

D O causante. Correcto?

17. Un sinónimo de anómalo (en vermello no texto) é:
A Recente. Correcto?

B Terrible. Correcto?

C Importante. Correcto?

D Irregular. Correcto?

18. Elixa a opción gramaticalmente correcta:
A Me vin nun apuro porque non lle había comprado os legumes e o mel. Correcto?

B Me vin nun apuro porque non lle había comprado as legumes e a mel. Correcto?

C Vinme nun apuro porque non lle comprara as legumes e a mel. Correcto?

D Vinme nun apuro porque non lle comprara os legumes e o mel. Correcto?

19. Obesidade e alimentación son palabras:
A Simples. Correcto?

B Derivadas. Correcto?

C Parasintéticas. Correcto?

D Compostas. Correcto?

20. No texto 2, as palabras principalmente (en vermello no texto) e logo (en vermello no texto) son:
A Substantivos. Correcto?

B Adverbios. Correcto?

C Adxectivos. Correcto?

D Determinantes. Correcto?


1.3 Exercicio de redacción en lingua galega (10 puntos)
Imaxine que forma parte do equipo directivo dun centro educativo interesado en solicitar unha charla-conferencia sobre bos
hábitos alimentarios que oferta a Consellería de Sanidade. Escriba unha carta solicitando a charla-conferencia na cal debe:
Explicar e argumentar por que están interesados como centro educativo.
Describir o local onde se levará a cabo a actividade, os medios dos que dispoñedes (ordenador, canón, cociña...) e o
número de persoas que acudirán aproximadamente.
Argumentar o beneficioso que é para o alumnado acceder a unha boa educación alimentaria.
Propoñer algunha medida para que cambien os hábitos alimentarios da comunidade educativa.


ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com