ogalego.eu 
Anxo González Guerra
//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Xunta de Galicia
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Probas de graduado en educación secundaria
Setembro de 2013


Histórico de probas desde 2011 en ogalego.eu


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba
Formato
-A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
-As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
- Un punto por cuestión correctamente contestada.
- Cada resposta incorrecta resta 0,25 puntos.
- As respostas en branco non descontan puntuación.
Duración
- Este exercicio terá unha duración máxima de 45 minutos.


Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para calcularr a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)


Texto 1

A vila máis ecolóxica do Estado

A Fundación Biodiversidad declara San Sadurniño como municipio "verde": os veciños utilizan placas solares coas que logran un aforro dun 60% en auga quente, teñen unha horta con froiteiras autóctonas e apostan pola compostaxe para tratar os residuos. PATRICIA HERMIDA.
O rato de cidade soña con converterse en rato de campo. Sobre todo se pode substituír o mundanal ruído polo locus amoenus de San Sadurniño. Bombeiros, escultores e empresarios optan por asentarse ás beiras dos ríos Castro e Xubia. O enganche verde tamén seduciu a Fundación Biodiversidad, que converte este municipio de Ferrolterra no máis ecolóxico de España. Na guía 35 Ideas para conservar a biodiversidade do seu municipio, San Sadurniño destaca polas súas hortas de froiteiras autóctonas, os seus xardíns botánicos e o auxe de cooperativas con afán ambiental. Ata os seus veciños empezan a autoabastecerse de enerxía con placas solares. Atención urbanitas: a cidade morreu, longa vida ao campo!
A Fundación Biodiversidad agradece "a produción ecolóxica do municipio: non ten propiedades rústicas propias pero buscou parcelas privadas e logrou un acordo para o asentamento da cooperativa de consumo ecolóxico A Xoaniña". A administración local tamén lle cedeu unha leira á Asociación Galega de Froita Autóctona do Eume, onde se plantaron 250 variedades de froiteiras en perigo de desaparición: cereixas negras do San Cristovo, ameixas collón de frade negro, pexegos Maniños, peras rabudas de cedo, mazás coiro de sapo. Semellantes lambetadas de nomes escatolóxicos buscarán a súa multiplicación pola vila, como no milagre dos pans e os peixes. (...)
Esta vila de 3.119 habitantes conserva os muros e fachadas antigas para o refuxio da fauna, promove a xestión racional do monte con acordos entre os propietarios, celebra feiras de plantacións con demostracións de cociñas solares e reparte unidades de compostaxe entre os veciños. Chama a atención o masivo uso da enerxía solar a domicilio. O colexio ten en funcionamento placas fotovoltaicas e vende a enerxía a Gas Natural Fenosa, con placas térmicas consegue auga quente. O sistema lévase agora a instalacións deportivas e locais sociais. E os veciños usan desde hai tempo placas solares para a auga quente, cun 60% de aforro en consumo e grazas a descontos do 20% propiciados pola administración. Moitas das iniciativas impulsáronse grazas aos orzamentos participativos e ao Consello Municipal de Participación Cidadá, "os primeiros regulamentados de Galicia e en marcha dende 2008".(...)

http://www.galiciahoxe.com

Preguntas sobre o texto anterior:

1. Cal é o tema do texto 1?
A O recoñecemento do labor ecolóxico de San Sadurniño. Correcto?

B A vantaxe do uso de placas solares en Galicia. Correcto?

C A defensa das especies autóctonas en Ferrolterra. Correcto?

2. Segundo o texto 1, cales son as causas de que San Sadurniño fose nomeado municipio “verde”?
A A plantación de hortas autóctonas, os xardíns botánicos e as cooperativas ambientais. Correcto?

B O uso de placas solares, o cultivo de froiteiras autóctonas e a aposta pola compostaxe. Correcto?

C A cooperativa de consumo ecolóxico, o uso da enerxía solar e os refuxios da fauna. Correcto?

3. Galicia Hoxe é un xornal dixital. Como se define esta modalidade de prensa?
A É un tipo de xornal que se difunde a través de Internet. Correcto?

B Trátase dun xornal con temas informáticos e sociais. Correcto?

C É un tipo de prensa con titulares sensacionalistas. Correcto?

4. Baseándose neste texto, indique cales son as partes dunha noticia.
A Titular, resumo, autor e conclusión. Correcto?

B Titular, data, corpo da noticia e conclusión. Correcto?

C Titular, subtítulo, entrada e corpo da noticia. Correcto?

5. Indique o significado da palabra “autóctona” (en vermello no texto).
A Relacionada co cultivo ecolóxico. Correcto?

B Relativa á vida no campo. Correcto?

C Orixinaria do país en que vive. Correcto?

6. O conxunto formado polos termos: cereixas, ameixas, pexegos, peras e mazás forman...
A Un campo semántico. Correcto?

B Unha serie de sinónimos. Correcto?

C Unha familia léxica. Correcto?

7. Segundo a súa forma, que tipo de palabra é froiteiras (en vermello no texto)?
A Composta. Correcto?

B Parasintética. Correcto?

C Derivada. Correcto?

8. Empezan a autoabastecerse (en vermello no texto) é:
A Un tempo composto. Correcto?

B Unha perífrase verbal. Correcto?

C Un composto verbal non perifrástico. Correcto?

9. Indique cal das tres opcións é a correcta:
A A compostaxe, a montaxe e o garaxe. Correcto?

B A auxe, a compostaxe e a mensaxe. Correcto?

C A compostaxe, a aldraxe e a paxe. Correcto?

10. Mazás, pexegos e ecolóxico son, respectivamente, palabras:
A Aguda, esdrúxula e sobreesdrúxula. Correcto?

B Aguda, esdrúxula e grave. Correcto?

C Aguda, grave e esdrúxula. Correcto?

Texto 2

Mentres o avión rodaba cara a unha das pistas de despegue de Barajas, Nivardo Castro creu percibir pola ventaíña unha dimensión distinta do aeroporto, algo que, por máis que pescudou coa ollada, non foi capaz de expresar en palabras. Ocorríalle, como lle ocorrera outras veces, que o aeroporto que tiña diante non lle parecía o mesmo desde os establecementos de terra que desde o avión. Era como se lle trocaran a perspectiva, e o acougo que gozaba antes de embarcar, na cafetería, lle fora de súpeto repañado e substituído por inquedanza dentro do aparato. E este cambio atribuíao ás luces da pista, á velocidade do avión... a calquera elemento externo que non implicase recoñecer que lle daba medo voar. Porque esta era a verdade: Nivardo Castro sufría o que uns chaman avionfobia e outros -se cadra máis pedantes- jet síndrome. E, por máis vontade que poñía, desde o momento que subía ao aparato, na súa cabeza aloxábase unha conclusión transcendente e desencantada: o ser humano é unha cousiña pequerrecha e indefensa que pode desaparecer nun repente sen que lle importe a ninguén nin nada cambie no mundo. Era algo no que el, home de acción, non matinaba endexamais... Soamente cando o avión acendía os seus motores e comezaba a escorregar a modiño cara á pista de despegue.
Despois de tomar para si esta conclusión, uns poucos minutos de espanto e abraio, alentaba forte, acomodábase no asento e dispúñase a ler a revista ou o xornal que mercara no quiosco do aeroporto. Así pasaba en todas as viaxes... pero non pasou nesta, porque, despois de ollar as pistas e establecementos de Barajas, despois de facer a meditación transcendente do ser cativiño e indefenso, despois de alentar forte e reter o aire un pouco nos seus pulmóns, Nivardo Castro recordou por que estaba naquel avión. E entón non puido deixar de sorrir.
-Isto é, cando menos, ben divertido- dixo entre dentes.
E sen querelo, quizabes convidado polas reflexións xurdidas a rentes do seu medo aos avións, Nivardo Castro deu en rememorar a súa vida, que se lle figurou de súpeto chea de acontecementos soltos, illados, entre os que case non era capaz de establecer unha relación. Desfilou primeiro diante dos seus ollos a súa crianza na ríspeta montaña de Mondoñedo, poboada de queirogas en flor, abondosas xesteiras e incontables variedades de toxos, que el aínda lembraba nas súas denominacións orixinais: arnios, canos, gateños, brañegos, molares... Eran os seus anos de nenez rural, de alindamento e de
labranza, nunha terra tradicional de labregos, moi pouco antes de que un ardido cura convencera aos seus pais de que o mellor camiño para el, tanto no espiritual como no material, era facer os estudos eclesiásticos. (...)

REIGOSA, Carlos G. Crime en Compostela.

Cuestións sobre o segundo texto:

11. Cal é tema do texto 2?
A A infancia do personaxe Nivardo Castro e as súas consecuencias. Correcto?

B O medo aos avións e as reflexións a partir del do personaxe Nivardo Castro. Correcto?

C As viaxes en avión e o medo do personaxe Nivardo Castro. Correcto?

12. Este é un texto narrativo. En que persoa está narrado?
A En terceira persoa. Correcto?

B En primeira persoa. Correcto?

C En segunda persoa. Correcto?

13. Co termo avionfobia (en vermello no texto) faise referencia a:
A A ansia de voar. Correcto?

B O medo a voar. Correcto?

C O desexo de voar. Correcto?

14. Carlos Reigosa é un autor do século XX. Como se chaman as etapas da literatura galega que precederon a ese século?
A Idade Media. Renacemento e Barroco. Correcto?

B Idade Media, Séculos Escuros e Vangardas. Correcto?

C Idade Media, Séculos Escuros e Rexurdimento. Correcto?

15. Que significa o verbo alentar (en vermello no texto)?
A Aspirar e expirar o aire. Respirar. Correcto?

B Falar en voz alta. Berrar. Correcto?

C Saltar de abaixo a arriba. Dobrar. Correcto?

16. A palabra aeroporto (en vermello no texto) é, en canto á súa forma:
A Simple. Correcto?

B Derivada. Correcto?

C Composta. Correcto?

17. Os substantivos espanto e abraio (en vermello no texto) son:
A Antónimos. Correcto?

B Sinónimos. Correcto?

C Homónimos. Correcto?

18. As formas máis, endexamais e soamente (en vermello no texto) son:
A Adverbios. Correcto?

B Adxectivos. Correcto?

C Preposicións. Correcto?

19. A contracción ás (en vermello no texto) está formada por:
A O artigo a e a preposición as. Correcto?

B A conxunción a e o artigo determinado as. Correcto?

C A preposición a e o artigo determinado as. Correcto?

20. O substantivo Mondoñedo (en vermello no texto) é:
A Un topónimo. Correcto?

B Un xentilicio. Correcto?

C Un antropónimo. Correcto?


1.3 Exercicio de redacción en lingua galega (10 puntos). O tema facilitouse no momento do exame.


ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com