Indice de Exercicios
Cesáreo Sánchez Iglesias
 
Foto: Cesáreo Sánchez Iglesias, escritor galego e amigo de ogalego.eu (foto Wikipedia)

Anxo González Guerra // Vitoria Ogando Valcárcel (catedráticos xubilados de galego) -ogalego.eu // ogalego.gal-

Textos das Probas de graduado en educación secundaria, coas respostas

Xunta de Galicia
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Abril de 2012


Histórico de probas desde 2011 en ogalego.eu


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba
Formato
-A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
-As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
- Un punto por cuestión correctamente contestada.
- Cada resposta incorrecta resta 0,25 puntos.
- As respostas en branco non descontan puntuación.
Duración
- Este exercicio terá unha duración máxima de 45 minutos.


Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para calcularr a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)


Texto 1

A DEMOCRACIA NO RURAL: 5.000 PALCOS DA MÚSICA

Posiblemente foi que aló polos albores da democracia, un pedáneo calquera dunha parroquia calquera do rural pensou na construción dun palco da música permanente (permanente o palco, non a música). É máis que probable que quixese facerse notar perante o resto dos parroquiais e asemade agradecerlle así o seu apoio electoral masivo. Se cadra os veciños preguntáronlle canto lles ía custar a eles, e como o pedáneo lles confirmou que todo a conta do alcalde, pois todos a unha dixeron: «Pois logo adiante co palco». (…)
«Hoxe é un día grande para Pedroso (por exemplo). Hoxe deixades de serdes cidadáns de segunda, porque xa contades cun palco da música coma os que hai nas vilas e nas cidades», díxolles o alcalde o día da inauguración. (…) Despois do de Pedroso viñeron todos os demais, un tras outro. Seguramente polo principio de imitación —por que nós non facemos coma os de Pedroso?—, se cadra por trasfego de información nas sesións da FEGAMP —«Non sei que carallo facer nas aldeas... non piden nada...», confesaría un dos munícipes. «Ai pois eu fíxenlle palcos da música en todas as parroquias. Sonche bos de facer, non moi caros e vense ben ao lonxe», fachendearía algún outro. «Pero hai parroquias nas que xa non fan festa...», insistía o primeiro. «Ah! e quen che di a ti que non volven a facer festa ao ver o palco novo?». «Home, mirado así...»—. Fose como fose e polo que fose, o caso é que en poucos anos o rural galego encheuse de palcos da música de idéntica feitura e democrática beleza.
A día de hoxe, moitos daqueles palcos están abandonados, e algúns non chegaron a escoitar outras notas musicais que as dos paxaros na primavera. E nas parroquias que si os utilizan atópanse co problema de que as orquestras de certo renome viaxan con palco propio, polo que o palco de cemento queda para rifar o lacón, a xovenca ou unha reprodución do santo patrón. Se o inmenso Otero Pedrayo compilase hoxe a súa Historia de Galicia, tería que incluír os palcos da música entre as construcións típicas do noso rural, canda outras de igual factura e parecido éxito como os locais sociais e os miniparques infantís.

José Luis Sucasas: http://www.vieiros.com.

Preguntas sobre o texto anterior:

1. Elixa o enunciado que mellor reflicte o tema do texto.
A O autor critica a construción masiva de palcos de música por seren antiestéticos e de dubidosa utilidade. Correcto?

B O autor critica a construción de palcos de música por seren exclusivos das cidades. Correcto?

C O autor critica a proliferación de palcos de música porque non son construcións típicas do rural galego. Correcto?

2. O ton xeral do texto é:
A Amable e condescendente. Correcto?

B Serio e institucional. Correcto?

C Irónico e mordaz. Correcto?

3. O texto é:
A Unha crónica. Correcto?

B Unha noticia. Correcto?

C Un artigo. Correcto?

4. A expresión con palco propio (en vermello no texto) pódese substituír por:
A Con seu propio palco. Correcto?

B Con palco de seu. Correcto?

C Con cadanseu palco. Correcto?

5. Que significa a palabra asemade (en vermello no texto)?
A Ao mesmo tempo. Correcto?

B Tamén. Correcto?

C Ademais. Correcto?

6. Otero Pedrayo, xunto con Risco, Castelao e outros escritores, é membro da:
A Xeración das Festas Minervais. Correcto?

B Xeración dos 80. Correcto?

C Xeración Nós. Correcto?

7. A forma verbal serdes (en vermello no texto) é:
A Presente de indicativo. Correcto?

B Infinitivo conxugado. Correcto?

C Xerundio. Correcto?

8. A palabra novo (en vermello no texto) é un:
A Artigo. Correcto?

B Adxectivo. Correcto?

C Pronome. Correcto?

9. Cal é a serie que só inclúe palabras de xénero feminino?
A Peaxe, homenaxe, chantaxe. Correcto?

B Cárcere, auga, árbore. Correcto?

C Nariz, leite, arte. Correcto?

10. Elixa a opción correcta.
A Dá mágoa comer estos limóns de Uxío. Correcto?

B Da mágoa comer estes limóns de Uxio. Correcto?

C Dá mágoa comer estes limóns de Uxío. Correcto?

Texto 2

Lingua galega

Propiedades
É un composto de orixe secular, da familia lingüística galego-portuguesa, derivado do latín. Ao ser humano, as linguas resólvenlle as funcións comunicativas elementais. A lingua galega, ademais desa función básica, desenvolve a función de identificar culturalmente a comunidade social denominada cientificamente como Galicia. Facilita a comprensión e integración no contorno. A súa presenza potencia a creatividade, a autoestima e o progreso social. A súa administración é especialmente recomendada nos centros de ensino e lugares de ocio e tempo libre da xuventude e a infancia.
Indicacións
Trastornos de comportamento por causa da diglosia, o autoodio ou a falta de autoestima.
Trastornos por déficit de interacción coa cultura e identidade galegas. Estados de acollida de persoas que acaban de chegar a Galicia.
Persoas con insuficiencia comunicativa.
O seu uso está especialmente indicado para persoas e colectivos que crean na xustiza social e na defensa dos dereitos básicos do ser humano.
Comeza a relacionarse o seu uso oral permanente co progreso económico do país.
Contraindicacións
Non se coñecen até o de agora.

Sechu Sende: Made in Galiza.

Continuación, preguntas sobre o texto anterior:

11. Para Sechu Sende a lingua galega é:
A Unha menciña con severas contraindicacións. Correcto?

B Unha menciña necesaria para revitalizarmos o país. Correcto?

C Un simple instrumento de comunicación. Correcto?

12. Elixa a opción máis acorde co texto.
A O uso do galego está especialmente indicado para os que cren na xustiza social. Correcto?

B O uso do galego é incompatible coa inxestión doutros idiomas. Correcto?

C Debemos substituír a lingua propia por outras linguas con máis falantes. Correcto?

13. Que é a diglosia (en vermello no texto)?
A O uso condicionado, desigual e xerarquizado de dúas linguas. Correcto?

B O uso igualitario e indistinto de dúas linguas. Correcto?

C O uso de moitas linguas, cambiando segundo o faga o interlocutor. Correcto?

14. Que significa a palabra secular (en vermello no texto)?
A Incerto, impreciso. Correcto?

B Heterodoxo, moi variado. Correcto?

C Antigo, centenario. Correcto?

15. As palabras autoodio, autoestima e insuficiencia (en vermello no texto) están relacionadas porque:
A Teñen un prefixo. Correcto?

B Teñen un sufixo. Correcto?

C Son agudas. Correcto?

16. Na palabra resólvenlle (en azul no texto), lle é:
A Un sufixo. Correcto?

B Unha desinencia verbal. Correcto?

C Un pronome. Correcto?

17. A palabra persoas (en vermello no texto) é:
A Substantivo propio. Correcto?

B Substantivo común. Correcto?

C Substantivo abstracto. Correcto?

18. Elixa a serie correcta.
A Bahía, harmonía, hermida. Correcto?

B Bisavó, maravilloso, sobriño. Correcto?

C Parella, atallo, espello. Correcto?

19. Elixa a opción ortograficamente correcta.
A Xoán celebra o seu vinte e un aniversario connosco. Correcto?

B Xoán celebra o seu vinteún aniversario con nós. Correcto?

C Xoán celebra o seu vinte e un aniversario con nos. Correcto?

20. As palabras elementais e ademais (en verde no texto) non levan acento gráfico porque son:
A Graves rematadas en -s. Correcto?

B Agudas rematadas en ditongo decrecente seguido de -s. Correcto?

C Agudas rematadas en –s. Correcto?


O exame incluía un exercicio de redacción en lingua galega, o tema facilitouse no momento do exame


ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com