ogalego.eu 
Anxo González Guerra
//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Xunta de Galicia
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Probas de graduado en educación secundaria
Xuño de 2011


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba
Formato
-A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
-As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
- Un punto por cuestión correctamente contestada.
- Cada resposta incorrecta resta 0,25 puntos.
- As respostas en branco non descontan puntuación.
Duración
- Este exercicio terá unha duración máxima de 45 minutos.


Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para calcularr a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)


Texto 1

castelao

Ei carballeira!
As aldeas quedan desertas, desertízase axiña tamén a terra. Nestes lugares o traballo das cuadrillas contraincendio céntrase, xa non en apagar o lume do
monte, senón en tentar salvar as casas que quedan illadas.
Contemplar os vellos carballos feitos chamusco é unha sensación que estarrece, abofé. Se quedamos impasibles é que tamén ao noso interior chegou o deserto. O monte queimado é a expresión máis evidente da destrución de nós mesmos. Ademais dos propios argumentos ecolóxicos e económicos, ese lume está a desfacer un territorio mítico. O espazo ideal onde os nosos avós situaron as súas lendas, as súas cantigas, os seus soños.
Cando estamos ledos, botamos un aturuxo e berramos “Ei carballeira”. Pero..., onde están as carballeiras?
Integrados no mito urbanícola, a nosa preocupación fundamental é a capa de ozono. Un problema importante, abofé. Asunto de moda nos suplementos de prensa da fin de semana. Despois de ler un destes artigos, collemos o coche e imos conducindo... Diante dos ollos o monte queimado, e non somos quen de o ver... Unha verdadeira capa escura no centro do país, cancro profundo, invisible para a maior parte da sociedade. Atención Carnocho, aquí cómpre non desertar. A maior forza de destrución é o noso propio abandono...
Chegou o outono coas primeiras chuvias. O ouridourado outono, como dixo Álvaro Cunqueiro... A auga boa que alimenta os soutos vai ser agora unha harpía na cinsa, a rabuñar os montes coas súas poutas. Plantade carballos, carnochos, abofé que seguen a dar felicidade.

Xurxo Souto. Tempos Novos.

Preguntas sobre o texto anterior:

1. Escolla o enunciado que mellor reflicte o tema do texto.
A É preciso loitar pola conservación das carballeiras, que teñen un gran valor económico, ecolóxico e cultural. Correcto?

B Aínda que non teñen un gran valor cultural, debemos loitar pola conservación das carballeiras. Correcto?

C Cómpre esquecer a capa de ozono –un problema menor-, para nos centrar só na defensa das carballeiras. Correcto?

2. Se afirmamos que a maior forza de destrución é o noso propio abandono estamos a dicir que:
A A destrución e o abandono son inevitables. Correcto?

B A conservación do medio non require o noso compromiso activo. Correcto?

C Se abandonamos a loita conservacionista, a destrución avanzará sen freo. Correcto?

3. A expresión non somos quen de (en vermello no texto) significa:
A Non somos dilixentes. Correcto?

B Non somos capaces. Correcto?

C Non somos atrevidos. Correcto?

4. Que significa abofé (en vermello no texto)?
A Probablemente. Correcto?

B Acotío. Correcto?

C De certo. Correcto?

5. Identifique a figura literaria que hai no seguinte enunciado: A auga boa que alimenta os soutos vai (…) rabuñar os montes coas súas poutas (en azul no texto).
A Paralelismo. Correcto?

B Personificación. Correcto?

C Anáfora. Correcto?

6. A palabra carballeira (en vermello no texto) é:
A Composta. Correcto?

B Derivada. Correcto?

C Simple. Correcto?

7. Elixa a opción correcta.
A Gústanme esas cores azuis que pintaches cos lapis. Correcto?

B Gústanme eses cores azuis que pintaches cos lápises. Correcto?

C Gústanme esas cores azules que pintaches cos lápices. Correcto?

8. Na palabra céntrase (en vermello no texto), se é:

A Un sufixo. Correcto?

B Unha desinencia verbal. Correcto?

C Un pronome. Correcto?

9. As palabras sensación, avós e aquí levan til porque son:
A Agudas e rematan en vogal, -n ou –s. Correcto?

B Graves e rematan en vogal ou -n. Correcto?

C Agudas rematadas en ditongo decrecente. Correcto?

10. Escolla a serie ortograficamente correcta.
A Sobrebivir, avogado, rubir. Correcto?

B Escrivir, voda, basoira. Correcto?

C Abrazar, vaso, abelá. Correcto?

Texto 2

O pai de Migueliño

O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados como era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ó retrato.
Os americanos xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirao do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas en procura do pai ensoñado.
De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato, ou aínda mellor portado, e Migueliño sentiu por el un grande amor, e canto máis se achegaba o americano, máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. Ai, o americano pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo.
Agora si, agora si que o era.
Migueliño avistou outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz devecía por bicalo a fartar. Tiña un porte de tanto señorío! Ai, o americano pasou de largo e nin tan sequera reparou en que o seguían os ollos angurentos dun neno.
Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente.
E cando esculcaba con máis anguria fíxose cargo de que un home estaba abrazando a súa nai. Era un home que non se parecía ó retrato; un home moi
fraco, metido nun traxe moi frouxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo...
Aquel si que era o pai de Migueliño.
Castelao, Cousas.

Preguntas sobre o texto anterior:

11. Escolla o enunciado que mellor reflicte o tema do texto.
A O éxito da emigración. Correcto?

B O fracaso da emigración. Correcto?

C A emigración galega a Europa. Correcto?

12. Neste contexto, quen son os americanos (en vermello no texto)?
A Persoas naturais de América. Correcto?

B Habitantes de América. Correcto?

C Emigrantes que volveron de América. Correcto?

13. Coa expresión tiña un porte de tanto señorío! (en vermello no texto) aludimos a unha persoa:
A Señoritanga, lambida, presumida. Correcto?

B Elegante e distinguida. Correcto?

C Mediocre, vulgar. Correcto?

14. Elixa a parella de palabras que inclúe dous sinónimos.
A Cobiza (liña 13)-desexo. Correcto?

B Denantes (liña 3)-a deshora. Correcto?

C Reparou (liña 21)-removeu. Correcto?

15. Ademais de Cousas, Castelao escribiu as seguintes obras:
A Os dous de sempre, Os vellos non deben de namorarse e Retrincos. Correcto?

B Sempre en Galiza, De catro a catro e Os camiños da vida. Correcto?

C Os dous de sempre, Arredor de si e O lapis do carpinteiro. Correcto?

16. O substantivo Miguel (en vermello no texto) é un:
A Topónimo. Correcto?

B Antropónimo. Correcto?

C Alcume. Correcto?

17. As formas verbais chegaba, agardaban e esculcaban son:
A Pretérito pluscuamperfecto (antepretérito). Correcto?

B Presente de indicativo. Correcto?

C Pretérito imperfecto (copretérito) de indicativo. Correcto?

18. A expresión de súpeto (en vermello no texto) é:
A Un adverbio. Correcto?

B Unha locución adverbial. Correcto?

C Unha preposición. Correcto?

19. Elixa a opción correctamente escrita.
A Irei buscala a casa. Correcto?

B Servíronlle cadansúa paella. Correcto?

C Sábeno en casa? Correcto?

20. Elixa a opción ortograficamente correcta.
A Hai, o americano pasou de largo por aí! Correcto?

B Ai, o americano pasou de largo por ahí! Correcto?

C Ai, o americano pasou de largo por aí! Correcto?

Ademais o exame inclúe unha redacción sobre un tema indicado no momento.


ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2017
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com