Anxo González Guerra // Vitoria Ogando Valcárcel -ogalego.eu // ogalego.gal


Xunta de Galicia
Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior
2012 opción azul (a opción amarelo é o mesmo coa orde das preguntas cambiadas)


LINGUA GALEGA

1. Formato da proba
Formato
* A proba consta de vinte cuestións tipo test.
* As cuestións tipo test teñen tres posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
* Puntuación: 0.50 puntos por cuestión tipo test correctamente contestada.
* Por cada cuestión tipo test incorrecta restarase 0.125 puntos.
* Polas respostas en branco non se descontará puntuación.
Duración
* Este exercicio terá unha duración máxima de: 60 minutos.


Convén tomar do número de respostas acertadas á primeira, das erradas e das que non se responden para poder calcular a puntuación final

Para poder ver as respostas correctas cómpre ter activado JavaScript no navegador


Texto 1

Científicos dos Estados Unidos da América e Finlandia desenvolveron unhas lentes de contacto nas que é posible proxectar imaxes. De momento o dispositivo só contén un píxel e probouse exclusivamente en animais, aínda que os seus creadores considérano un primeiro paso no camiño para conseguiren transmitir información en tempo real directamente ao noso campo visual, sen necesidade de cables.
As características destas lentes de contacto, deseñadas por investigadores da Universidade de Washington (EUA) e de Aalto (Finlandia), publícanse esta semana no Journal of Micromechanics and Microengineering. O que pretenden os científicos con este invento é un sistema de visión parecido ao do ciborg 'Terminator', o personaxe de ficción científica protagonizado por Arnold Schwarzenegger. Segundo aseguran, cando o sistema estea desenvolvido, os usuarios destas lentes de contacto poderán ler textos e ver imaxes como se tivesen unha pantalla de ordenador nos seus ollos, sen cables polo medio. Por exemplo, cando as lentes de contacto conteñan centos de píxeles poderán utilizarse para ler correos electrónicos curtos ou breves textos, que se proxectarán directamente nos ollos.
Por primeira vez estas lentes de contacto foron probadas nos ollos dun ser vivo para avaliar posibles efectos nocivos para a vista. Os investigadores utilizaron un coello vivo e, segundo aseguran neste estudo, as probas ás que o someteron mostran que as lentes de contacto non produciron ningún dano nin na córnea nin en ningunha zona do ollo. Ademais, engadiron unha tinguidura fluorescente para comprobaren se as lentes de contacto lle causaran algún tipo de abrasión, sen que detectasen ningunha anomalía. No estudo subliñan que estas probas realizáronse seguindo escrupulosamente as normas que regulan o trato que os animais deben recibir durante os ensaios en laboratorio. A pesar dos resultados positivos destas probas, haberá que realizar moitas outras antes de garantir que estas lentes de contacto non supoñen ningún risco para os humanos. De feito, na fabricación de circuítos eléctricos utilízanse materiais e produtos que poderían resultar tóxicos.
O dispositivo está composto por unha antena que fornece a enerxía recibida dunha fonte externa e por un circuíto integrado que almacena esta enerxía e transfírea a un chip transparente de zafiro que contén un único LED (un díodo emisor de luz). Para construíren os circuítos usaron capas metálicas extremadamente finas, cun espesor de poucos nanómetros. Un dos principais obstáculos que houbo que resolver foi lograr que o ollo percibise a información proxectada con nitidez. No ollo humano a distancia focal mínima é de varios centímetros, polo que os textos proxectados nas lentes probablemente aparecerían borrosos. Para evitalo, incorporaron un xogo de lentes Fresnel no dispositivo para enfocar a imaxe proxectada na retina.
Bautizadas así en honra ao seu creador, Augustin Fresnel, estas lentes de gran apertura e unha curta distancia focal son moito máis delgadas que as convencionais. Os científicos centraranse agora en introduciren as melloras necesarias para conseguiren dispositivos máis funcionais, de alta resolución e aos que se lles poida fornecer enerxía remotamente. O seu próximo obxectivo será incorporar un texto á lente de contacto.

Teresa Guerrero - xoves 24 novembro 2011 - 11:30 (Fonte)

 

1. O tema principal do texto é:

A A investigación sobre lentes de contacto utilizando o método de Augustin Fresnel. Correcto?

B O desenvolvemento dunhas lentes de contacto que converten o ollo nunha pantalla. Correcto?

C O descubrimento dun dispositivo electrónico para probar lentes de contacto en coellos. Correcto?

2. Segundo o texto, cal é a serie de afirmacións correcta?
A Os científicos probaron as lentes nos ollos dun ser vivo para avaliaren posibles efectos nocivos para a vista, comprobaron se lle causaran algún tipo de abrasión e agora centraranse en introduciren as melloras necesarias e en incorporaren un texto ás lentes. Correcto?

B Os investigadores utilizaron un coello vivo, comprobaron os circuítos eléctricos nos que se utilizan materiais e produtos que poderían resultar tóxicos, e pretenden lograr resolver os obstáculos para que o ollo perciba a información proxectada con nitidez. Correcto?

C Os usuarios destas lentes de contacto -que conteñen centos de píxeles- non poderán ler textos pero si ver imaxes, e os investigadores probáronas en animais e mais en humanos e realizaron probas para garantiren que non supoñen ningún risco para a saúde. Correcto?

3. Segundo a autora, cómpre:

A Deseñar unha antena que forneza a enerxía dunha fonte externa e un circuíto que almacene esta enerxía e a transfira a un chip de zafiro. Correcto?

B Realizar moitas outras probas antes de garantir que estas lentes de contacto non supoñen ningún risco para o ser humano. Correcto?

C Mellorar as lentes de contacto para que non produzan ningún dano nin na córnea nin en ningunha zona do ollo humano. Correcto?

4. No texto, a palabra fornecer (subliñado no texto] significa:

A Orixinar ou facer nacer mediante un proceso natural. Correcto?

B Crear ou dar orixe a unha secuencia científica. Correcto?

C Abastecer ou subministrar o necesario para un fin. Correcto?

5. No texto, a palabra abrasión [subliñado no texto] significa:

A Doenza producida por un elemento patóxeno introducido no organismo. Correcto?

B Ulceración ou desgaste producidos por rozamento. Correcto?

C Opacidade total ou parcial do cristalino do ollo ou da súa cápsula. Correcto?

6. Cal é a serie que contén só palabras con vogal “e” tónica pechada /e/?

A Campestre, encerro, restra, imperio, fibela, ibero, orquestra. Correcto?

B Crecho, seda, aparello, artesa, bolboreta, dobrez, castrexa. Correcto?

C Capela, cero, silvestre, cacharela, fiestra, bacteria, fero. Correcto?

7. Cal destas oracións compostas contén unha oración subordinada substantiva que funciona como suxeito?

A Dicirlles que adiantabas as vacacións foi un erro. Correcto?

B Os rapaces entraron na aula moi arrepentidos da súa trasnada. Correcto?

C Seica non se lembra de se llos mandou ao avogado ou non. Correcto?

8. Cal destas oracións contén un infinitivo flexionado correctamente utilizado?

A É mellor irdes indo vós diante mentres eu trato de convencela. Correcto?

B Puxémonos a fregarmos e non paramos ata que deixamos limpa a casa. Correcto?

C Andaban a correren polo campo que está por detrás do terceiro bloque. Correcto?

9. Cal é a serie de palabras correcta?

A Linguística, antiguidade, lingüeta, bilingüe, arguïamos. Correcto?

B Lingüística, antigüidade, lingüeta, bilingüe, argüïamos. Correcto?

C Lingüística, antigüidade, lingueta, bilingue, argüiamos. Correcto?

10. Cales son os emparellamentos correctos?

A Oro- = montaña; sidero- = ferro; -tomía = corte; -ptero = que ten ás. Correcto?

B Cito- = nervio; semi- = dobre; -fugo = que expele; -xero = que come. Correcto?

C Pan- = cereal; meso- = outro; -arquía = que doe; -doxo = que fala. Correcto?

Texto 2

Logo da Catedral de Santiago, o monumento máis visitado polos turistas non é a Torre de Hércules, nin a Muralla de Lugo, senón a casa castrexa reconstruída con asesoramento dun experto local pola sociedade comunal Pro-Monte en Santa Trega (A Guarda) en 1965. A arqueoloxía, co tempo, puxo en dúbida aquela recreación histórica. A cabana circular que se levantou podería ser unha simple habitación dunha vivenda máis complexa, e o vestíbulo ao descuberto que todos os galegos levan gravado na memoria, case nos xenes, podería ser un atrio porticado (…). Pero a casa castrexa de Santa Trega, tal e como se concibiu hai medio século, converteuse en icona, multiplicada ata o infinito en guías turísticas, carteis promocionais e libros de texto, polo xeral asociados ao mito dos celtas que tanto gustaba a Franco porque ligaba aos galegos coa Europa loura.
Ata hoxe poucos manuais en España souberon prescindir desta estampa, desde que a difundiu por primeira vez en 1977 un dos textos máis vendidos de terceiro de BUP para ilustrar o apartado dedicado á Galicia prerromana. Unha “España atrasada e subdesenvolvida”, explicaba aos estudantes o libro, cuxa “característica esencial” era “o profundo primitivismo en todos os sentidos”. Segundo este manual, que calca as teorías de Estrabón a pesar de que a esas alturas xa xurdiran outras algo máis fundamentadas en Galicia, nos castros había un “réxime de xinecocracia, amazónico e matriarcal”, sen xerarquías e democrático, no que preponderaba a muller, guerreira e agricultora, aínda que as colleitas debían de dárselle mal ano tras ano, porque a dieta baseábase nas landras, con cuxa fariña se elaboraba o pan. Esta imaxe dos habitantes dos castros, atenuada co paso do tempo e das leis educativas, seguiu a transmitirse durante xeracións, e xa entrados no século XXI continuaron a publicarse libros de texto en galego para a ESO que se facían eco de teorías desbotadas desde os oitenta (…).
A citania galaicorromana de Santa Trega descubriuse en 1913 mentres se abría unha pista forestal e durante todo o século pasado protagonizou escavacións sistemáticas. En Portugal había reconstrucións moi anteriores, e a este lado do Miño non podiamos ser menos. O intento precedente de revivir un poboado castrexo, en Elviña (A Coruña), encadeara varias desgrazas e as cabanas reconstruídas en 1957 arderon ao pouco tempo nun incendio provocado, díxose entón, por disputas entre parroquias veciñas. Non houbo, ata agora, máis intentos de reconstrución (si de recreación), e os profanos seguimos crendo que todas as casas dos castros, fosen redondas ou cadradas, eran como a de Santa Trega. Porén, o arqueólogo do CSIC Xurxo Ayán desterra o termo “cultura castrexa” porque “había moitas culturas”, igual que había tipoloxías
de vivenda moi dispares. As máis sofisticadas estaban en Pontevedra. Por aquela época “non había arquitectura doméstica máis monumental en toda Europa”. “Non tiñan parangón. Por aí, nos congresos, flipan”.

Silvia R. Pontevedra - Santiago 1 febreiro 2012 - 11:36 (Fonte)


11. O tema principal do texto é:

A A cabana circular da citania galaicorromana de Santa Trega (A Guarda). Correcto?

B A teoría de Estrabón sobre as primitivas vivendas castrexas que atoparon os romanos. Correcto?

C A difusión dunha imaxe errónea da Galicia prerromana nos libros de historia. Correcto?

12. Segundo o texto, cal é a serie de afirmacións correcta?
A Na Galicia prerromana houbo un sistema democrático sen xerarquías no cal predominaba a muller guerreira e agricultora, cuxa dieta se baseaba no pan de landras. Correcto?

B Na Galicia prerromana houbo moitas culturas diferentes nas cales se construíron diversos tipos de vivendas, polo que o concepto de cultura castrexa non é axeitado. Correcto?

C Na Galicia prerromana houbo un réxime de xinecocracia, amazónico e matriarcal, dentro dun contexto de atraso, primitivismo e subdesenvolvemento da sociedade. Correcto?

13. Segundo a autora:
A Desde 1913 ata 1957 houbo escavacións sistemáticas e reconstrucións de citanias. Correcto?

B Desde 1965 non houbo máis intentos de reconstrución de casas de castros galegos. Correcto?

C Desde 1977 os libros de historia de terceiro de BUP difundiron unha imaxe acertada. Correcto?

14. As landras [subliñado no texto] que se citan no texto son:
A O froito seco propio da abeleira e doutras árbores semellantes como a amendoeira. Correcto?

B O froito propio do carballo e doutras árbores semellantes como a aciñeira e a sobreira. Correcto?

C O froito propio da cebada e doutras plantas semellantes como o trigo e o centeo. Correcto?

15. No sentido en que aparece no texto, un réxime amazónico é un sistema no que hai:
A Un grupo indíxena que vive na rexión bañada polo río Amazonas. Correcto?

B Un pobo guerreiro feminino moi destro no manexo das armas. Correcto?

C Unha comunidade rural que non ten residencia fixa nun territorio determinado. Correcto?

16. Un atrio porticado [subliñado no texto] é:
A Un recibidor con lastras situado tras a porta de entrada dun edificio. Correcto?

B Un vestíbulo con soportais a ceo aberto diante da entrada dun edificio. Correcto?

C Un recinto cuberto con columnas que precede a entrada dun edificio. Correcto?

17. Cal é o tempo verbal correcto?
A Crin, criches, creu, cremos, crestes, creron. Correcto?

B Caiga, caigas, caiga, caigamos, caigades, caigan. Correcto?

C Andiven, andiveches, andivo, andivemos, andivestes, andiveron. Correcto?

18. Cal é a serie de palabras correcta?
A Faroles, xirasoles, sofacamas, amarelas claras, tenentes coroneles, verdeolivas. Correcto?

B Farois, xirasois, sofás camas, amarelas-claras, tenentes-coroneis, verdes-oliva. Correcto?

C Farois, xirasoles, sofás cama, amarelas claras, tenentes coroneis, verdes oliva. Correcto?

19. Cales son os emparellamentos correctos?
A Rebocar = recebar; revocar = limpar; debagar = lentamente; devagar = debullar. Correcto?

B Basto = groseiro; vasto = extenso; rebelar = sublevar; revelar = descubrir. Correcto?

C Rabo = planta; ravo = cola; gabacho = francés; gavacho = fachendoso. Correcto?

20. Cal é a serie de palabras correcta?
A Orballo, hedra, orquídea, hogano, arpa, harmonía, inchar, exhausto, exuberante. Correcto?

B Horballo, edra, horquídea, ogano, harpa, armonía, hinchar, exausto, exhuberante. Correcto?

C Orballo, hedra, orquídea, hogano, harpa, armonía, hinchar, exhausto, exhuberante.Correcto?


Nº de respostas correctas (C)
Nº de respostas incorrectas (Z)

Puntuación do test = C x 0.5 - Z x 0.125
Nas preguntas de test, por cada resposta incorrecta descontaranse 0.125 puntos.
As respostas en branco non descontarán puntuación.

2005-2024