ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra (catedráticos de Lingue Galega e Lit. xubilados


Xunta de Galicia
Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio
Xuño 2011 opción azul (a opción amarelo é o mesmo coa orde das preguntas cambiadas)


LINGUA GALEGA

1. Formato da proba
Formato
* A proba consta de vinte cuestións tipo test.
* As cuestións tipo test teñen tres posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
* Puntuación: 0.50 puntos por cuestión tipo test correctamente contestada.
* Por cada cuestión tipo test incorrecta restarase 0.125 puntos.
* Polas respostas en branco non se descontará puntuación.
* No caso de marcar máis dunha resposta por pregunta considerarase como unha resposta en branco.
Duración
* Este exercicio terá unha duración máxima de: 40 minutos.


Convén tomar do número de respostas acertadas á primeira, das erradas e das que non se responden para poder calcular a puntuación final

Para poder ver as respostas correctas cómpre ter activado JavaScript no navegador


Texto 1
As vítimas da violencia machista son cada vez máis novas
O director xeral de Xustiza e o director do IMELGA presentaron a memoria


REDACCIÓN – SANTIAGO · 07/04/2011 · Unha de cada dez é agredida a diario e no 77 % dos casos empezan antes dos seis meses · Os maltratadores teñen de media entre 21 e 40 anos e case a metade son solteiros · Galicia rexistrou 184 delitos de agresión sexual o ano pasado, a maioría na Coruña e Pontevedra.
As vítimas da violencia de xénero que pasan polo Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) son "cada vez máis novas", aumentan estes delitos en relacións entre solteiros ou noivos e no 9 % dos 1.442 casos estudados en 2010 polos forenses había unha agresión diaria. Ademais, o 66 % das vítimas ten estudos secundarios e o 48 % estaban no paro. É o perfil que se extrae da última estatística deste organismo, na que se elabora ademais un perfil de agresor. Trátase de solteiros (no 46 % dos casos) de entre 21 e 40 anos, a maioría teñen estudos primarios e o 66 % están no paro. Existen outros problemas engadidos, pois o 60 % consome alcol ou abusa doutras drogas.
Ademais de adiantarse a idade das vítimas e de producirse entre solteiros ou noivos, o inicio dos malos tratos empeza antes dos seis meses de relación no 77 % dos casos e xa no primeiro mes no 17 %. O director do IMELGA, Benito López, sinalou na presentación da memoria que a violencia de xénero é "unha secuela social", cuxas causas son "o agresor" e a súa "personalidade". Así, destacou que "non todo maltratador está no paro, baixo a influencia de bebidas, nin se atopan todos nos mesmos estamentos sociais".
Destácase o perfil novo de vítimas e agresores. Tamén se dá un caso similar nas agresións sexuais. O exercicio pasado foron 184 os delitos deste tipo rexistrados (60 na Coruña, 21 en Lugo, 34 en Ourense e 69 en Pontevedra). Benito López destacou neste punto que os agresores adoitan ter menos de 35 anos, mentres que existe un dobre perfil de vítimas: houbo 49 casos nos que a agresión foi contra unha muller de 16 a 25 anos e 42 entre 36 e 45. Houbo 5 casos de agresións contra menores de 6 anos e 2 cara a maiores de 66. Son algúns dos 50.821 casos que durante o pasado exercicio foron atendidos polo IMELGA (uns 140 cada día), que practicou nese período 2.020 autopsias e realizou 48.881 consultas de clínica-forense, o que proba que "vemos moitísima máis xente viva", segundo indicou o director, consciente de que a sociedade asocia a actividade forense con persoas mortas. No apartado de patoloxía forense, do total de autopsias realizadas a maioría tiveron que ver con mortes por causas naturais (1.065) fronte ás mortes violentas (955). Así, prodúcese un cambio na tendencia, pois ata a data eran máis as autopsias realizadas con mortes violentas.
O director do IMELGA destaca que o 80 % das mortes naturais estudadas foron por mor dunha patoloxía cardiovascular. En relación coas mortes violentas, adquiren protagonismo os traumatismos (o 52 %) e as asfixias mecánicas (29 %), que inclúen non só estrangulamentos senón tamén afogamentos e outros. Neste apartado inclúense tamén os accidentes.

[http://www.galiciahoxe.com]

1. O IMELGA é:
A Un instituto que ten como finalidade loitar contra a violencia de xénero. Correcto?

B Unha dirección xeral da Xunta que investiga os delitos contra as mulleres. Correcto?

C Unha institución que se dedica ás investigacións científicas de tipo forense. Correcto?

2. Cal destas afirmacións é falsa?
A En contra da crenza xeral establecida os forenses atenden máis xente viva ca morta. Correcto?

B Os delitos de violencia de xénero aumentaron entre solteiros ou noivos. Correcto?

C A maior parte das mortes naturais estudadas debéronse a enfermidades canceríxenas. Correcto?

3. O perfil do agresor da violencia de xénero posúe as seguintes características:
A Teñen menos de 35 anos e o 60 % consome alcol ou abusa doutras drogas. Correcto?

B 60 viven na Coruña, 21 en Lugo, 34 en Ourense e 69 en Pontevedra. Correcto?

C O 46 % son solteiros de entre 21 e 40 anos con estudos primarios, e o 66 % está no paro. Correcto?

4. No caso das vítimas da violencia de xénero:
A O 66 % ten estudos secundarios e 48 % está no paro. Correcto?

B O 46 % ten menos de 35 anos e 49 foron agredidas. Correcto?

C O 77 % sofre malos tratos durante 6 meses e o 17 % durante 1 mes. Correcto?

5. Durante o ano 2010 producíronse:
A 50.821 crimes de violencia de xénero nos que en 49 houbo agresión contra a muller. Correcto?

B 1.442 casos de violencia de xénero nos que no 9 % había unha agresión diaria. Correcto?

C 184 delitos de violencia de xénero nos que os agresores tiñan menos de 35 anos. Correcto?

6. No corpo da noticia, o enunciado “os traumatismos” [subliñado no texto] refírese a:
A Unhas lesións orgánicas producidas por un axente mecánico, físico ou químico. Correcto?

B Uns danos que se producen nunha parte do corpo por causa dunha enfermidade. Correcto?

C Uns malos funcionamentos dos órganos dun ser vivo ou das funcións destes órganos. Correcto?

7. Nunha descrición subxectiva:
A O emisor describe a aparencia externa da persoa centrándose nos seus trazos físicos. Correcto?

B O emisor reflicte as opinións e as emocións que lle produce a realidade descrita. Correcto?

C O emisor informa con precisión da realidade descrita sen facer valoracións persoais. Correcto?

8. A palabra b a n c o é:
A Derivada, porque ten un prefixo anteposto. Correcto?

B Parasintética, porque ten prefixación e sufixación. Correcto?

C Polisémica, porque ten varios significados. Correcto?

9. Unha b io g r a f í a é unha narración:
A De sucesos históricos ordenados cronoloxicamente. Correcto?

B Das vivencias cotiás do autor escritas en primeira persoa. Correcto?

C Da vida dun personaxe polo xeral relevante. Correcto?

10. Cal destas series de palabras contén un prefixo que significa “diminución ou escaseza”?
A Microevolución, microeconomía, microorganismo. Correcto?

B Hipotensión, hipotermia, hipotiroidismo. Correcto?

C Exoneración, exogamia, exorcismo. Correcto?

11. Cal destas series de palabras contén substantivos colectivos?
A Cerdeiras, nogueiras, ameixeiras, nespereiras. Correcto?

B Melisa, macela, menta, salvia. Correcto?

C Souto, carballeira, pomar, teixido. Correcto?

12. Cal é a serie de palabras correcta?
A Hinchado, hombro, hovo, bahía. Correcto?

B Helena, hedra, hidrofobia, hermético. Correcto?

C Hombreiro, hola, filharmónica, horfo. Correcto?

13. Cal é a serie de palabras correcta?
A Bolboreta, trobador, ribeira, marabilla, baleiro, rebentar. Correcto?

B Acibro, tibese, berza, pabillón, bulto, obserbar. Correcto?

C Ábrego, estibera, grabar, boda, garabanzo, esbarar. Correcto?

Texto 2
Todo listo para o Sorteo de Nadal

O Sorteo Extraordinario da Lotería de Nadal, que se celebra hoxe na sede de Loterías e Apostas do Estado, contará este ano con trinta e catro nenos da Residencia Internado de San Ildefonso de Madrid, que ensaiaron para este día desde finais do mes de outubro. Segundo explicou o director do centro, Esperato Fernández, o venres pasado tivo lugar o adestramento xeral previo ao gran día. En total, este ano participan vinte e dúas nenas e doce nenos –catro alumnos por táboa– de idades comprendidas entre os nove e os trece anos, aínda que do total só cantan dezaseis, doce alumnas e catro alumnos.
Como en anos anteriores, a procedencia dos alumnos é diversa, ata dez nacionalidades distintas, aínda que o 70%, aproximadamente, procede de España. Tampouco hai novidades na vestimenta dos mozos, pois acudirán co seu uniforme de tons grises e azuis, como en anos anteriores. En concreto, levarán chaqueta azul mariño, con camisa tipo Oxford de cor azul pálido e gravata. As nenas vestirán a tradicional saia de cadros en tons grises e da mesma cor serán os pantalóns dos nenos. Como cada ano, os menores que participan no sorteo da Lotería de Nadal proceden da residencia de San Ildefonso, situada na Calle de Alfonso VI, en pleno Barrio dos Austrias, e que conta con 64 alumnos de entre seis e trece anos, o que non significa que vaian todos ao colexio público que leva o mesmo nome.
O 22 de decembro é un dos grandes días para estes pupilos, que teñen como referente a Diego López, que pasou á historia desde que o 9 de marzo de 1771 se convertese no primeiro estudante do centro que sacou e cantou un número premiado da lotería española. Hoxe en día, 237 anos despois, os alumnos deste centro educativo seguen sendo os encargados de repartir a sorte, non só no Sorteo Extraordinario de Nadal, senón en todos os da Lotería Nacional, que se celebran cada xoves e sábado.
A Residencia Internado de San Ildefonso –orfanato ata que chegou a democracia– é unha das máis antigas da capital de España. Situado ata 1884 no número 3 da Carrera de San Francisco, foi tamén coñecido como Colexio de Nenos da Doutrina, popularmente chamado os doutrinos. Aínda que non se sabe a data exacta da súa fundación, gran parte dos historiadores situárona no último terzo do século XV, coincidindo co reinado dos Reis Católicos. Tamén se descoñece de certo por que son os seus alumnos os que cantan a lotería. Fernández indicou que unha das posibilidades é que estes estudantes cantasen polas prazas a doutrina cristiá. Cando tivo lugar o primeiro sorteo, os responsables do evento, ao ser un colectivo dos máis desfavorecidos na cidade, decidiron que fosen estes nenos os que enumerasen os premios, recibindo a cambio diso unha esmola.
As bólas cos 85.000 números e 1.787 premios do Sorteo Extraordinario da Lotería de Nadal, quedaron onte preparadas e gardadas, detrás de tres portas pechadas con chave no salón de actos de Loterías e Apostas do Estado para que hoxe a sorte reparta máis de 2.320 millóns de euros.

[http://www.xornal.com]

14. A Residencia Internado de San Ildefonso posúe un dos colexios máis:
A Famosos de Madrid e está situada nesa rúa desde hai 237 anos. Correcto?

B Modernos de Madrid e está situada nesa rúa desde a súa fundación. Correcto?

C Antigos de Madrid e antes estaba situada noutra rúa diferente. Correcto?

15. A vestimenta do alumnado consistirá nun uniforme:
A Con chaqueta gris a cadros os alumnos e saia azul as alumnas. Correcto?

B Con chaqueta azul os alumnos e saia a cadros gris as alumnas. Correcto?

C Con gravata gris os alumnos e saia azul a cadros as alumnas. Correcto?

16. No Sorteo Extraordinario da Lotería de Nadal ao que se refire esta noticia participan:
A 22 alumnos e 12 alumnas, de entre 8 e 13 anos, aínda que só cantan números 14. Correcto?

B 22 alumnas e 12 alumnos, de entre 9 e 13 anos, aínda que só cantan números 16. Correcto?

C 12 alumnas e 22 alumnos, de entre 9 e 14 anos, aínda que só cantan números 15. Correcto?

17. A primeira vez que un alumno de San Ildefonso cantou un premio da lotería foi no século:
A XX. Correcto?

B XIX. Correcto?

C XVIII. Correcto?

18. No corpo da noticia, a palabra “orfanato” [subliñado no texto] refírese a:
A Un despacho para o desenvolvemento das tarefas administrativas dunha universidade. Correcto?

B Un establecemento onde se acolle a menores de idade que perderon os seus pais. Correcto?

C Un comercio dunha institución que ten as mercadorías máis baratas ca os demais. Correcto?

19. Cal é a serie de sinónimos correcta?
A Horta = cortiña; canceira = canil; alpendre = alboio; hórreo = cabazo. Correcto?

B Tatexar = espirrar; calafrío = febre; medorenta = covarde; tremer = mover. Correcto?

C Peirao = porto; marquesiña = aristócrata; dársena = parada; terminal = aeroporto. Correcto?

20. Cal é a oración correctamente acentuada?
A Morreria do susto se oise os tronos que se sentian pola noite. Correcto?

B Tomóu un calmante no avión, pois o dia da partida estaba nervíosa. Correcto?

C O vello muíño abandonado seguía sendo un lugar máxico. Correcto?

2005-2024